O Convento do Acibal ou o Pazo de Gondar, na exposición dos Chamadeiros de Xeve

84

A Casa da Cultura de Santa María de Xeve inaugura esta tarde a exposición Chamadeiros que recolle a toponimia das parroquias de Santo André e Santa María de Xeve, e de Verducido. A exposición recolle o traballo de dous anos de entrevistas, pequisas, reunións, e moitos paseos polas parroquias, feito por Segundo Feijoo Fariña, en Verducido; María Abelleira Fontán en Santa María de Xeve, e Alberte Reboreda en Santo André de Xeve.
Ademais de dar a coñecer os chamadeiros dos lugares das parroquias, a exposición tamén pretende abrir unha fase de correción da información recollida naquel traballo de campo. Os mapas poderán ser correxidos incorporando as novas informacións dos veciños a través duns formularios que hai na propia exposición.
O número de topónimos recollidos nas tres parroquias foi de 2.460 e foron 62 os informantes nestas parroquias.
A exposición está integrada por 19 mapas: 6 de Santa María de Xeve, 6 de Verducido e 7 de Santo André de Xeve.
A información dos denominados Xeves estará exposta na Casa da Cultura de Santa María de Xeve até o vindeiro 27 de xuño, nos horarios, de luns a venres, de 8.30 a 13 horas.  Polas tardes: luns e mércores de 20.45 a 22 horas e sábados de 21 a 23 horas. 
Os mapas de Santo André de Xeve tamén se poderán visitar no Teleclub de Xeve, ata o 27 de xuño, de luns a venres de 19 a 21 horas; sábados e domingos de 11 a 14 horas e de 18 a 21 horas.  E os mapas de Verducido estarán expostos tamén na Casa do Pobo da parroquia, ata o 27 de xuño; de luns a venres de 19 a 21 horas; sábados e domingos de 11 a 14 horas.  
Toda a información pode seguirse en www.pontevedra.eu/snl/datostoponimia, pero tamén resulta moi curioso o blog www.pontevedra.eu/toponimia no que a maior parte dos profesionais que recolleron a información foron volcando as súas impresións, anécdotas, curiosidades, historias… do traballo deses dous anos.
Así María Abelleira Fontán, o 2 de setembro de 2012, na entrada Pegadas sobre as súas pesquisas en Santa María de Xeve recollía o seguinte sobre o suposto Convento do Acibal:
“Un dos lugares que sempre espertou moita curiosidade e controversia é Seoane (Soane, como se di por estes lares). En Seoane hai un pequeno terreo que lle chaman Os Conventos. Segundo contan os veciños, nesta zona houbo un convento, o Convento de Seoane, do que nada se sabe á parte da memoria dos habitantes do lugar. Nunha recente publicación de Herminio Sande Lado 1, o autor sinala a este respecto: “… de un antiguo convento de Seoane, en el Acibal, del que no hai ningún resto localizado, ni aparece mencionado en ningún documento parroquial ni arzobispal que lleve a pensar en su existencia”. Por contra, algúns veciños falan da existencia de amoreamentos de pedras na zona que perfectamente poderían ser os restos desta antiga construción”.

Tamén fala do Pazo de Gondar, e da longa conversa que mantivo cos actuais moradores, a familia que historicamente se fixo cargo do mantemento do Pazo. Neste lugar relata da existencia dun lugar chamado “Torre Vella situada nos arredores do pazo de Gondar (pazo ligado á familia Bermúdez de Castro). Nas inmediacións deste pazo atópanse as ruínas dunha antiga torre cuxa orixe non está de todo clara. Os seus restos nos arredores do pazo levan a pensar nunha posible finalidade defensiva. Ademais, ao seu redor percíbese a existencia do que foi un foso, agora maiormente cuberto polos sedimentos que sobre el foron caendo. A maleza que come o lugar apenas permite distinguir a súa estrutura. Por contra, o feito de que os veciños sigan a falar de Torre Vella mantén viva na memoria a existencia deste elemento singular”.

Tamén fala do monte, un dos principais recursos da parroquia, do traballo de toda a veciñanza: dos nenos coidando das vacas dende as cinco da mañá; das mulleres contribuíndo á reforestación do monte; de cando os veciños ían na busca de estrume, das canalizacións de augas de manantial para dar servizo ás augas…

Chamadeiros, así se chama a exposición da Concellaría de Normalización Lingüística que percorre (e percorrerá todas as parroquias), non só é unha listaxe dos lugares, é a historia vida dos veciños de Pontevedra, tal e como recorda Alberte Reboreda nunha das dúas entradas no blog do pasado 6 de agosto:

“Mentres recordamos os chamadeiros de Xeve, por diante de nós pasa Don Baldomero, o cura da Casa da Costa, sucesos e anécdotas a esgalla, o terror e o medo da guerra civil nas noites do cemiterio de Nabás, os traballos e os días no Campo da Taberna, as calzadas do Lérez ou os fachizos que alumeaban os desaparecidos Pasos de Pesqueira. Todo do que falamos aconteceu nun lugar da parroquia con nome propio, con chamadeiro de seu, e aquí estamos nós, confrontando a memoria co tempo, recordando para non esquecer quen somos, de onde vimos e onde vivimos”.