Unha xornada informativa debaterá sobre a tramitación das licenzas express

31

Aclarar dúbidas en torno a tramitación das chamadas licenzas express, que rexen o procedemento administrativo para as obras e/ou aperturas de actividades comerciais, xunto coas obras menores, é o obxectivo dunha xornada informativa que organiza a Tenencia de Alcaldía-Concellería de Urbanismo en colaboración co Colexio de Arquitectos.

A xornada, que se celebrará durante a tarde do próximo 5 de xuño, na Casa das Campás, foi presentada hoxe polo tenente de alcalde, Antón Louro; o presidente dos arquitectos, Manuel Abelleira e o director xeral de Urbanismo do Concello, Xosé Manuel Tato. Está especialmente dirixida a arquitectos, aparelladores, enxeñeiros e profesionais, pero tamén pode ser moi útil para axentes inmobiliarios, administradores de fincas, emprendedores ou cidadáns que estean pensado en facer calquera tipo de obra menor nunha vivenda ou de acondicionamento dun local comercial.

O programa arrancará ás 17.00 horas por Antón Louro e Manuel Abelleira Argibay. A continuación celebrarase unha mesa redonda con intervención de Xosé Manuel Tato; Mercedes Fernández, xefa do servizo de Urbanismo, e Miguel Rodríguez de Jesús, arquitecto-xefe da Oficina Técnica de Licenzas e Inspección.

Louro explicou que o procedemento das licenzas express foi un éxito administrativo, pois axilizou as licenzas e mesmo propiciou o incremento das solicitudes, a pesar da crise económica. Así, en 2011 houbo 169 solicitudes de obras comerciais, mentres que en 2013 (xa co réxime de licenzas express vixente) a cifra subiu a 242. Por outra banda, mentres que durante o ano 2011 rematáronse o 40% dos expedientes, en 2013 a porcentaxe subiu ao 91%.

Non obstante, o tenente de alcalde subliñou a absoluta volatilidade da normativa española e galega nesta materia. Dende que no ano 2006 se aprobou a Directiva Europea de Servizos téñense producido preto dunha ducia de cambios que afectaron á maneira de tramitar este tipo de licenzas. Louro destacou que é comprensible que haxa certa confusión.

O novo procedemento administrativo fai descansar agora moita máis responsabilidade sobre os técnicos privados. A axilización das aperturas e a realización da inspección municipal con posterioridade obriga á elaboración dunha correcta documentación e a unha execución escrupulosa.

Louro tamén advertiu da preocupación existente no Concello de Pontevedra, na medida en que as últimas modificacións legais eliminan todo tipo de limitación en canto á superficie dos locais e tamén rebaixan os requisitos existentes ata o de agora (entre eles o das exposicións públicas) nas tramitacións de expedientes con repercusións ambientais ou en materia de espectáculos.

O tenente de alcalde concluíu que se está traballando na actualización da Ordenanza de Simplificación administrativa, que entrou en vigor en novembro de 2012 porque a Lei de Emprendemento, do pasado 28 de decembro, establece un réxime único para Galicia. A resultas disto substituíuse a Declaración Responsable pola figura da Comunicación Previa. A diferencia estriba en que o solicitante xa non afirma dispor do proxecto técnico e documentación no local, senón que debe achegalos xunto coa Comunicación. O Concello fai unha comprobación da integridade documental e o solicitante pode abrir, agás notificación en contra, en 15 días. A inspección sobre a realidade do construído segue a facerse a posteriori.

Sen embargo, Louro alertou que o Regulamento que debe desenvolver a Lei de Emprendemento (para o que a Xunta dispón dun prazo de seis meses) aínda vai tardar en ver a luz, o que podería volver a obrigar a novos cambios na Ordenanza municipal.