A Pontevedra Film Commission apoia a rodaxe en Pontevedra da curta “El Cubo de Rosa”

61

A cidade volve converterse no escenario dunha rodaxe audiovisual coa chegada da curtametraxe “El Cubo de Rosa”, que comezará nas próximas semanas e ten prevista a súa estrea a finais deste verán.

A produción, que chega amadriñada pola Pontevedra Film Commission, foi presentada hoxe pola concelleira de Promoción Económica e Turismo, Carlota Román, xunto o equipo da película, representado por Gonzalo Caride, director; a actriz María Mera e o produtor, Pablo Gayo.

Contará unha historia tola e disparatada, inspirada nas viñetas do coñecido cómic de “La Rue del Percebe”. Rosa é unha veciña que érguese tódalas noites a ouriñar ás 4.26 horas. Ao baleirar un balde de auga no retrete iniciará unha reacción en cadea que afectará a todos os veciños e acabará destruíndo o edificio.

Gonzalo Caride anticipou que pode garantir 15 minutos de diversión nun mundo no que estamos necesitados de rir. Da mesma opinión é María Mera, que estréase no mundo da comedia e aceptou o papel precisamente polo disparatado do guión.

O produtor, Pablo Gayo, admitiu estar un pouco asustado pois a historia non para de medrar e abrangue xa máis de 20 localizacións e outros tantos actores, pois trátase dunha obra “moi coral”.

O equipo rodará un “trailer” de tres minutos en Pontevedra, con María Mera de protagonista. Nun xesto pouco habitual serán tamén os tres primeiros minutos da curta. Este “tráiler”, que xa incluirá imaxes de Pontevedra, será a base para unha campaña de “crowdfunding” coa que pretenden alcanzar o financiamento que precisan.

Carlota Román subliñou a necesidade de apoiar ao sector audiovisual galego nun momento no que a cultura está a sufrir especialmente as consecuencias da crise económica.

Lembrou que a Pontevedra Film Commission naceu en marzo de 2013 como unha fórmula para apoiar a rodaxe de todo tipo de producións audiovisuais na cidade. Durante este ano e pouco de andaina impulsou a realización de dúas temporadas da webserie Clases de lo Social, xunto coas tres curtametraxes sobre a vida de La Bella Otero, Maruja Mallo e María Casares, incluídas no Proxecto 3C, premiado polo “Instituto de la Juventud de España” (Injuve). Chegou a continuación a curtametraxe Idiotas e a rodaxe de varios anuncios publicitarios sobre viños galegos a cargo da produtora “Elemental Chefs”. A todos eles súmase agora “El Cubo de Rosa”.

Román anticipou que a curtametraxe incluirá varios planos aéreos de Pontevedra de noite, tomados cunha cámara-hexacóptero entre eles as prazas da Ferrería, da Verdura e as súas contornas. Tamén incluirá a estrea como actor do loro Ravachol, que aparecerá na súa versión de peluche nalgún plano.

O director de El Cubo de Rosa, Gonzalo Caride, é autor da curtametraxe October, rodada en ruso en diversas localizacións de Polonia durante o ano pasado. Un traballo que foi seleccionado para o Festival de Málaga e que supuxo a súa introdución ao cine despois dunha longa carreira sempre encadrada no audiovisual.