Os escolares pontevedreses e as familias convertéronse en verdadeiros científicos durante os últimos meses. O proxecto Pontenciencia, que impulsa a Concellería de Educación en colaboración co Vicerreitorado da Universidade de Vigo, chega á súa fase final.
O concelleiro Agustín Fernández e o vicerreitor, Xosé Manuel Corbacho, presentaron a Feira da Miniciencia, que encherá de creatividade as instalacións da Facultade de Forestais, no campus de Pontevedra, durante as xornadas dos próximos venres, 30, e sábado, 31.
Un total de 28 proxectos científicos (20 presentados polos colexios e oito polas familias a partir das propostas dun comité científico universitario). Os proxectos serán valorados por un xurado, presidido polo concelleiro, que os cualificará en función dunha memoria explicativa, a presentación que realicen e un informe oral do alumno responsable.
Os proxectos dos colexios (con alumnos de Quinto e Sexto de Primaria) serán revisados polo xurado cualificador durante a xornada do venres. Foron elaborados polos equipos de Cabanas, San Bieito de Lérez, Marcos da Portela, Vidal Portela, Froébel e Parada. Cobren campos tan diversos como a erosión do solo, o lugar preferido das plantas para crecer no patio do colexio, os segredos dunha presa de terra, un muíño de vento, un volcán caseiro, o xiro das frechas, lume que non queima, o leite psicodélico, a auga que sobe soa, unha imprenta caseira, o xogo do bombardeo, un separador de hidratos de carbono, o tinxido das graxas, o funcionamento do submarino, reaccións químicas, pegamento, por que a auga engurra só os pés e as mans, por que se moldea o chumbo, que soa nas buguinas e por que sopra o vento.
O exame dos proxectos das familias (compostas polos pais e os rapaces de calquera tramo de Primaria) realizarase durante o sábado. Un total de seis familias investigaron hipóteses do máis suxestivo: máquina de pastillas quitapenas, a vida das formigas, a fermentación, “planti-WiFi”: ás plantas gústalles o Wi-Fi?, as miñas pinturas as fago eu, o aire ocupa un volume, a túa propia pintura clara e escura e, finalmente, extracción de ADN en vexetais.
A entrega de premios será ás 12.45 horas do sábado.Os primeiros premios estarán dotados con 450 euros para os colexios e 325 para as familias. Os segundos, con 300 e 225 euros, respectivamente. Os terceiros, con 218 e 118 euros. Finalmente, poderán concederse catro accesits de 75 euros. Os premios consistirán en cheques-regalo para material escolar ou compras no comercio local.
Os que se acheguen ata “Pontenciencia” poderán gozar tamén dun abano de actividades complementarias coa ciencia como fío condutor. Haberá un planetario consistente nunha cúpula con proxección dixital; divertidas sesións de teatro científico; exposición de ciencia nos campos da mecánica e a óptica a cargo dos alumnos dos Instituto de Secundaria Sánchez Cantón e o Centro de Formación Profesional A Xunqueira; a premiada exposición do Sánchez Cantón sobre o proxecto de Tratamento e Prevención de Enfermidades Infecciosas mediante células dendríticas; a proxección das curtas de animación en 3D de Divulgare, obra de recoñecidos científicos e que mereceu varios premios internacionais. A maiores poderá visitarse a exposición fotográfica “Mergullados no Lérez” sobre a fauna do noso río.
As actividades da feira da ciencia están completamente abertas ao público, así como a visita ás 12 casetas que acollerán os proxectos dos colexios e familias concursantes.
Agustín Fernández destacou que a feira da ciencia é un xesto da Concellería de Educación nun momento no que os recortes cébanse coa investigación científica en toda España. Subliñou tamén a colaboración entre o Concello e o Vicerreitorado, que agora inicia unha nova etapa da man de Juan Manuel Corbacho. Finalmente, destacou a necesidade de afondar todo o posible a interrelación entre a Universidade e a cidade.