A planta de compostaxe ou Monte Vivo, entre os asuntos da reunión coa Mancomunidade

57

O alcalde e o concelleiro de Montes, Demetrio Gómez manterán esta tarde (ás 20.30 horas) unha reunión de traballo cos representantes da Mancomunidade de Montes de Pontevedra. Trátase dunha cita aprazada o pasado mes de maio, dado que estaba prevista en pleno proceso electoral, e non eran as datas máis acaídas.
Entre os asuntos que tratarán na reunión está facer balance do proxecto Monte Vivo, que rematará ao longo do ano 2015, e ir planeando como continuar no traballo de recuperación do monte autóctono no que están a volcados os comuneiros.
Tamén se abordarán os plans de parroquias dado que un dos proxectos é a creación dunha rede de sendeiros rurais que interconecte as parroquias entre si. De tal xeito, que un veciño poida ir camiñando entre elas sen ter que coller o coche. E grande parte dos caniños e espazos polos que se proxectan estes sendeiros están en terreos de propiedade comunal.
Dada a importancia e peso das comunidades de montes no tecido social e empresarial do concello, tamén se abordará a posibilidade de incorporalas ao Consello Económico e Social de Pontevedra.
Sen dúbida, tamén se tratará a construcción da planta de compostaxe. Demetrio Gómez indicou que existe moito interese por parte dos comuneiros, “pero tamén teñen moitas dúbidas”, polo que é necesario aclarar e explicar o proxecto.