Ábrese o prazo para a adxudicación dos postos vacantes no mercado municipal de Frei Xoán de Navarrete

47

As persoas interesadas en presentar ofertas polos postos vacantes do mercado municipal da rúa de Frei Xoán de Navarrete dispoñen dun prazo, dende hoxe, 5 de xuño, ata o próximo 9 de xullo. O Diario Oficial de Galicia publica hoxe o anuncio que abre formalmente o prazo do procedemento impulsado pola concelleira de Promoción Económica, Carlota Román.

A iniciativa engloba seis locais, aínda que, en realidade, cínguese a cinco espazos toda vez que dous deles están unidos. En concreto trátase dos locais 17 e 19 (15,51 metros cadrados), o 18 (11,17 metros cadrados), o 20 (17,30 metros cadrados), o 21 (10,23 metros cadrados) e, finalmente, o local número 22, con 12,23 metros cadrados. Todos eles están situados na galería do edificio de 41 vivendas, situada a carón da entrada principal do hospital Miguel Domínguez.

Os locais serán adxudicados por un período concesional de 25 anos. Os licitadores deberán presentar ofertas que, como mínimo, cubran o importe das taxas fixadas no prego de condicións. Os locais 17 e 19 parten cunha taxa de 32.968,86 euros; local 18, 23.745,43 euros; local 20, 31.986,53 euros; local 21, 20.331,64 euros e local 22, 23.175,76 euros.

Conxuntamente co procedemento de licitación ábrese tamén o trámite de exposición pública do expediente no seu conxunto, incluído o citado prego de condicións, por período de 30 días hábiles, ao obxecto de que polos interesados se practiquen alegacións, se así o entenden oportuno. Para o suposto de que se presentasen alegacións, o procedemento de licitación e os seus prazos quedarán en suspenso ata a resolución das mesmas. De non recibirse alegacións darase por aprobado definitivamente o expediente e prego de prescricións técnicas e cláusulas administrativas particulares que rexerán o procedemento.

Carlota Román destacou que trátase dun segundo paso na regularización administrativa dos Mercados Municipais. Lembrou que xa está a piques de rematar o proceso de adxudicación das vacantes na Praza de Abastos. E afirmou que, por primeira vez, o Concello pode asegurar que sacou a licitación a totalidade das prazas nestas dúas instalacións. Polo tanto, engade, pode concluírse que o grao de ocupación dependerá xa unicamente da demanda social existente. Se quedan vacantes, remarcou, será porque non hai interese social ou empresarial en ocupalos.