Proxecto de reforma da avenida de Compostela

78

O Concello de Pontevedra recibiu parte da avenida de Compostela (entre as rotondas da avenida de Bos Aires e de Luís Otero) o pasado 16 de maio. Son 400 metros, dos que quedaron fora o paso elevado anterior ao campo de fútbol de Pasarón.

O concelleiro de Obras urbanas, Luís Bará presentou esta mañá o proxecto de recuperación integral que o Concello ten para este ámbito, así como para a rúa Rafael Areses. Trátase dun ambicioso proxecto que se executará por fases, debido ao custe así como á situación económica que poderá estar rematado no ano 16. O obxectivo é facer do vial unha rúa urbana, con velocidade máxima 30 na que convivan todas as mobilidades, con especial sensibilidade cara á mobilidade peonil e ciclista que na actualidade está moi comprometida neste ámbito.

Seguranza viaria, accesibilidade e calmado do tráfico son as premisas nas que se actúa nos exios avenida de Bos Aires-Luís Otero, e avenida de Compostela-Rafael Areses.

Contémplase a reducción de catro a tres carrís nalgunhas zonas, incluso de seis a catro, así como a creación de cinco pasos de peóns elevados en todo o tramo cedido por Fomento. Especialmente importante é o paso de peón que unirá Rafael Areses coa ponte do Burgo, por onde pasan ducias de persoas e ciclistas cada día. No eixo Rafael Areses-Ponte do Burgo o Concello plantea a creación dun carril bici, dende a ponte dos Tirantes até a avenida de Compostela, eliminando a zona de estacionamento máis próxima ao río, así como ese carril de circulación, dado que por esta zona apenas existe tráfico. No seu lugar crearase un carril bici duns 3 metros de ancho. Tamén está previsto reparar a beirarrúa de Rafael Areses que se atopa en moi mal estado.

O concelleiro Luís Bará explicou que as obras poderían iniciarse logo das festas do verán, no último trimestre do ano. A primeira fase da obra será a creación de paso de peóns no entronque de Rafael Areses coa avenida de Compostela, así como o carril-bici. Serán arredor de 100.000 euros.