O xurado examina os 28 proxectos que os colexios e as familias presentan ao programa Pontenciencia

74

O xurado cualificador, formado polo concelleiro de Educación, Agustín Fernández, a vicedecana da facultade de Forestais, Ángeles Cancela, e profesores do campus de Pontevedra, comezou hoxe a revisión dos 28 proxectos científicos que durante esta fin de semana se exhiben na Feira da Miniciencia, ou sexa a recta final do programa Pontenciencia.

A iniciativa, na que colaboran a Concellería de Educación e a Universidade de Vigo, ten como obxectivo estimular o interese pola ciencia entre os estudantes de Primaria de Pontevedra.

Agustín Fernández asegurou sentirse sorprendido pola calidade dos traballos que compiten durante esta fin de semana e pola orixinalidade das distintas propostas que se poden ver no vestíbulo da Facultade de Forestais. A feira estará aberta tamén durante a mañá de mañá sábado.

Os proxectos dos colexios (con alumnos de Quinto e Sexto de Primaria) foron elaborados polos equipos de Cabanas, San Bieito de Lérez, Marcos da Portela, Vidal Portela, Froébel e Parada) cobren campos tan diversos como a erosión do solo, o lugar preferido das plantas para crecer no patio do colexio, os segredos dunha presa de terra, un muíño de vento, un volcán caseiro, o xiro das frechas, lume que non queima, o leite psicodélico, a auga que sobe soa, unha imprenta caseira, o xogo do bombardeo, un separador de hidratos de carbono, o tinxido das graxas, o funcionamento do submarino, reaccións químicas, pegamento, por que a auga engurra só os pés e as mans, por que se moldea o chumbo, que soa nas buguinas e por que sopra o vento.

Os proxectos das familias (compostas polos pais e os rapaces de calquera tramo de Primaria) contan con epígrafes moi suxestivos: máquina de pastillas quitapenas, a vida das formigas, a fermentación, “planti-WiFi”: ás plantas gústalles o Wi-Fi?, as miñas pinturas as fago eu, o aire ocupa un volume, a túa propia pintura clara e escura e, finalmente, extracción de ADN en vexetais.

A entrega de premios será ás 12.45 horas do sábado. Os primeiros premios estarán dotados con 450 euros para os colexios e 325 para as familias. Os segundos, con 300 e 225 euros, respectivamente. Os terceiros, con 218 e 118 euros. Finalmente, poderán concederse catro accesits de 75 euros. Os premios consistirán en cheques-regalo para material escolar ou compras no comercio local.

Os que se acheguen ata “Pontenciencia” poderán gozar tamén dun abano de actividades complementarias coa ciencia como fío condutor. Hai un planetario consistente nunha cúpula con proxección dixital; divertidas sesións de teatro científico; exposición de ciencia nos campos da mecánica e a óptica a cargo dos alumnos dos Instituto de Secundaria Sánchez Cantón e o Centro de Formación Profesional A Xunqueira; a premiada exposición do Sánchez Cantón sobre o proxecto de Tratamento e Prevención de Enfermidades Infecciosas mediante células dendríticas; a proxección das curtas de animación en 3D de Divulgare, obra de recoñecidos científicos e que mereceu varios premios internacionais. A maiores poderá visitarse a exposición fotográfica “Mergullados no Lérez” sobre a fauna do noso río.