Ponte Noite5+5, a proba central do calendario do Circuíto de Carreiras Populares de Pontevedra (CCCP), chega o próximo sábado, día 14, cun percorrido totalmente urbano e o aliciente de gozar correndo pola cidade nun horario pouco habitual. A proba chega este ano cun forte acento social pois súmase ao evento internacional “Run 4 Parkinson's” e acolle tamén a participantes das catro asociacións que integran o proxecto municipal Hefesto.
A carreira foi presentada hoxe polo concelleiro de Deportes, Agustín Fernández; xunto co presidente da Sociedad Gimnástica, Ramón Touza; a presidenta da Asociación de Parkinson Galicia-Bueu, Begoña Cerqueiro, e o representante de Hefesto, Joaquín Ángel Lorenzo, quen exercerá, ademais, o papel de “speaker” durante a carreira.
A organización da carreira prevé que os corredores do 10.000 saian ás 21.30 horas dende a Praza de España. Non obstante, as categorías inferiores e os corredores con parkinson sairán a partir das 20.30 horas. Estes últimos farán un percorrido de 150 metros. Previamente a Asociación de Parkinson organiza un festival solidario de zumba na avenida de Montero Ríos con inscrición de tres euros para os adultos e un euro para os nenos. Os últimos en tomar a saída serán os participantes na distancia de 5.000 metros.
Agustín Fernández deu tamén unha cálida acollida aos 20 corredores, pertencentes ás asociacións Xuntos, Xoán XXIII, Amencer, Méndez Nuñez e Amizade que (no marco do proxecto Hefesto) están adestrando para participar na modalidade de 5 Km e achegarán cor e ambiente cuns globos conmemorativos.
Na presentación recalcouse que só os participantes no 10.000 acumularán puntos para as distintas clasificacións do CCCP, no que, a día de hoxe, hai preto de 250 inscritos. O Circuíto está composto por seis carreiras (San Brais, Monte Porreiro, Ponte Noite, Santiaguiño do Burgo, Campañó e o Medio Maratón de Pontevedra).
Agustín Fernández adiantou que os participantes do CCCP recibirán estes días un correo electrónico para que pasen a recoller a bolsa do corredor, que ofrece un completo xogo de catro prendas composto por unha camiseta vermella en tecido técnico e o logo do CCCP, un saquiño de ximnasio, unha cinta tipo “buff” e, finalmente, a petición de bastante xente, un cinto portadorsais “para aqueles que queren desterrar definitivamente os incómodos imperdibles”.