Benestar felicita aos pontevedreses que aprobaron os exames de competencias clave

71

A Concellaría de Benestar Social Municipal quere felicitar ás 17 persoas de Pontevedra que se presentaron e aprobaron os exames de Competencias Clave, nivel 2, que se realizaron a última semana de maio en Silleda. As notas coñecéronse o pasado venres, e das 45 materias ás que se presentaron, aprobaron 42, é dicir, o 93,3%.
As materias ás que se presentaron foron Lingua Galega, Lengua Castellana e Matemáticas. 
Trátase duns resultados excelentes, que supoñen un avance moi importante para este grupo social, tanto a nivel persoal como para o reforzo da súa propia estima.
A Concellaría de Benestar Social Municipal imparte estes cursos a través do programa SOFOS da Casazul. Este programa pretende dotar de habilidades e capacidades básicas a aquelas persoas que saíron do circuíto do ensino regrado. Tamén quere ofertar formación atractiva para a súa inserción sociolaboral como é Competencias Clave, Informática básica e Manipulación de alimentos.
Esta actividade ten un carácter inclusivo, dentro da filosofía da Casazul, xa que no ano 2014 conta coa colaboración de AMENCER-ASPACE, XUNTOS-DOWN PONTEVEDRA, VIVENDA MENTOR, UNIDADE DE DÍA DO CONCELLO DE PONTEVEDRA e FUNDACIÓN SECRETARIADO XITANO xunto con inscrición externas de diversos veciños e veciñas interesados/as do concello.