Comeza o asfaltado de varias rúas céntricas para reparar pavimentos en mal estado

46

O Concello de Pontevedra inicia este luns unha campaña de asfaltados de distintas rúas do centro urbano da cidade para reparar pavimentos en mal estado. Son traballos de mantemento e conservación do firme que se vai deteriorando co paso do tempo, especialmente coas copiosas chuvias dos últimos invernos.
Os traballos, na maior parte dos casos, non comprenden a pavimentación total das rúas, senón aqueles treitos máis deteriorados, evitando, deste xeito, gastos innecesarios. As rúas nas que se actuará nas dúas semanas próximas serán as seguintes: Rafael Dieste, Losada Diéguez, Eduardo Pondal, José Casal e Uxío Novoneira. Ademais está previsto realizar outros asfaltados antes das festas do verán en rúas como Alameda, Martitegui, Xofre de Tenorio, así como melloras parciais noutras vias.
A primeira actuación será a partir das 08.00 horas deste luns, 9 de xuño, na rúa Rafael Dieste, onde se asfaltará a metade da rúa. Toda a veciñanza xa está avisada das restricións de tráfico que suporán estas obras, e a zona xa está acoutada con valos. Tamén se asfaltará o último treito da rúa Losada Diéguez, cara a rúa Estrada. Estes traballos faranse na tarde do martes, a ser posible, e os veciños xa están informados de que deberán entrar e saír durante esas horas pola rúa Pintor Laxeiro.
A semana continuará co asfaltado da rúa José Casal, onde está prohibida totalmente a circulación, agás os residentes, que poderán acceder a garaxes por ambos lados da rúa atendendo as indicacións dos operarios. Os servizos a comercios tamén están garantidos e para facilitar a circulación na zona inverterase o sentido da rúa Virxe do Camiño, e autorizarase a veciños e servizos a entrada á rúa por Pardo de Cela.
O último asfaltado da semana será un treito da rúa Eduardo Pondal. O comprendido entre a rotonda de Doce de novembro e Vialia (á altura de Fimega, aproximadamente). Só se executará a metade de rúa, xa que a outra metade asfaltouse o ano pasado.
Nesta actuación está prevista a prohibición do estacionamento a ambos lados da rúa no ámbito afectado pola obra, para evitar que se peche ao tráfico.
O calendario destes primeiros asfaltados continúa a vindeira semana cunha actuación na rúa Uxío Novoneira, onde está programado o asfaltado dun carril. Esta actuación obrigará a realizar un plan de tráfico específico que se comunicará nos próximos días.
Tamén se asfaltará un pequeno tramo de Eduardo Pondal, entre o inicio do Gorgullón e a rúa Germán Adrio.
A Concellaría de Obras Urbanas, que xestiona Luís Bará, ten previsto realizar outros asfaltados antes do inicio das festas do verán. Tamén quere aclarar que este calendario estará sometido a variacións en función do tempo.