Pontevedra axudará aos mariñeiros galegos xubilados da flota mercante de Noruega

62

O alcalde Miguel Anxo Fernández Lores recibiu esta mañá á unha representación da asociación Long Hope, de mariñeiros galegos que traballaron na flota mercante de Noruega antes de 1994. Este colectivo pediulle a colaboración do Concello nas súas reivindicacións ante o Goberno noruego.
Segundo explicou o alcalde, estes traballadores non están a recibir a pensión que lles correspondería en Noruega a pesar de ter tido deduccións mensuais de até un 45%. A partir de 1994, coa incorporación de Noruega ao espazo económico da UE regulouse esta situación, que xa fora recoñedida por todos os países nórdicos, pero fora deste acordo quedaron unha grande poboación mariñeira.
Segundo explicaron os representantes de Long Hope (un colectivo que ten unha idade media de 80 anos, e a maior parte son viúvas cunhas pensións moi precarias), as xestións políticas realizadas até o de agora co Goberno noruego non deron os seus froitos, polo que agora iniciarán a vía xudicial, primeiro nos xulgados noruegos e, de non ter resultados favorables, en Estrasburgo.
O alcalde comprometeuse a colaborar con algunha axuda, xa que a maior parte dos afectados son galegos. Están 6.000 asociados pero estiman que o número de mariñeiros con esta problemática é duns 12.000 en todo o Estado, dos cales o 90% son galegos.

As persoas interesadas poderán obter máis información no web
www.longhope.es

Ou nos teléfonos: 667 991 380 / 886 095 208