Belas Artes acolle a conferencia “Afectividade e sexualidade na discapacidade”

74

O Concello de Pontevedra colabora coa Sociedade galega de sexoloxía na organización dunha próxima xornada formativa sobre a sexualidade na discapacidade que se celebrará o vindeiro 20 de xuño, no salón de actos da facultade de Belas Artes. Constará dunha conferencia aberta ao público e dun obradoiro especializado dirixida a persoal sanitario ou familiares.
A conferencia levará por título: “Afectividade e sexualidade na discapacidade: Teño dereitos coma ti”, comezará a partir das 19.30 e estará aberta ao público en xeral. Por outro lado, desenvolverase un obradoiro de inscrición de balde para un máximo de 30 persoas, que será impartido no Pazo da Cultura baixo o título “Sedución e sexualidade en persoas con diversidade funcional”.
A xornada será impartida pola presidenta da Asociación nacional para a saúde sexual nos discapacitados, Esther Sánchez, así como pola súa compañeira da asociación, María Honrubia. A conferencia estará aberta ao público en xeral, mentres que o obradoiro está pensado para persoal sanitario, coidadores, auxiliares, psicólogos e familiares que teñan ao seu cargo unha persoa discapacitada. O propósito é que coñezan máis a fondo como viven a súa limitada sexualidade as persoas que están afectadas por unha discapacidade e poder ofrecerlles unha posible solución ás súas disfuncións sexuais e poder mellorar a súa calidade de vida.
A Sociedade galega de sexoloxía (www.sogaxex.com) é unha asociación sen ánimo de lucro, integrada por varios socios en toda Galiza.