O proxecto do Centro Social de Salcedo, listo para sacar a contratación

78

A Comisión de Infraestruturas dará conta mañá do proxecto municipal para a construcción do novo Centro Social de Salcedo. Terá unha superficie construída de 650 metros cadrados cun investimento de 778.000 euros.

Trátase dun Centro social ambicioso "polo prezo, pola funcionalidade, polos avances técnicos e pola capacidade do edificio", segundo explicou esta mañá o concelleiro delegado da parroquia, Demetrio Gómez, quen destacou a expectativa do Goberno Local neste proxecto "porque contribúe a formar o núcleo de centralidade parroquia nesta zona onde xa se atopan os colexios, a Casa da música, a Casa do monte e o novo parque infantil. Tamén está a carón da Igrexa e do cemiterio parroquial.

O proxecto foi negociado dende o primeiro momento co Consello parroquial incluíndo as peticións da plataforma constituída con posterioridade ao primeiro proxecto. O novo proxecto inclúe zonas de estancia, reunións, baños, espazo para obradoiros, e dúas salas amplas con paredes móbiles que permitirá crear un espazo de escenario e platea, no caso de darse unha representación.

Segundo explicou Demetrio Gómez o proxecto será de carácter plurianual, que está en fase de informe no servizo de Intervención. Será publicado nos boletíns oficiais e no prazo de 25 días as empresas deberán presentar ofertas ao proxecto. O prazo de execución é de nove meses.