PONMO celebra en setembro a súa segunda edición “tomando” as rúas e prazas de Pontevedra

67

A cidade de Pontevedra volverá converterse na referencia da moda galega durante a última fin de semana do mes de setembro coa volta de PONMO (Pontevedra Moda). A segunda edición do certame será innovadora, fresca, chea de enerxía e fuxirá dos espazos pechados para levar a meirande parte das actividades ás rúas e prazas da cidade.

A concelleira de Promoción Económica e impulsora desta iniciativa, Carlota Román, anticipou os primeiros detalles organizativos acompañada da blogger e colaboradora da deseñadora italiana Sonia Giordani, Marta López Ogando, e do fotógrafo especializado Marcos Suárez, responsable da campaña de imaxe.

O venres, 26 de setembro, ofrecerase o certame de novos deseñadores PONMONOVO. Estase a pensar en utilizar os salóns do Liceo Casino, aínda que tamén haberá actividades exteriores. Ao día seguinte, sábado, 27, chegará o desfile central PONMO cos deseñadores consagrados. O equipo organizador está a barallar a contorna da praza da Ferrería, aínda que a decisión final dependerá fundamentalmente das previsións meteorolóxicas.

Carlota Román anticipou que nos próximos días publicaranse as bases de PONMONOVO e adiantou que o desfile central do sábado xa conta coa presenza de dúas firmas: Sonia Giordani e María de Janza Atelier. Ao longo das próximas semanas pecharase o programa definitivo. Por outra banda, están moi avanzadas para a elección do padriño/madriña desta edición, para o que está a falar con varias figuras da moda galega.

A concelleira subliñou que estanse a recibir chamadas tanto de escolas de moda de toda España como de deseñadores novos e consagrados, interesados en participar nas dúas pasarelas centrais da programación.

Por outra banda, Román anticipou que despois do éxito do desfile de comerciantes da rúa de Rosalía de Castro do pasado ano, PONMO afondará na colaboración cos comerciantes locais en diversos puntos da cidade.

Marta López, responsable do blog “mytrendysins.com”, estivo durante o pasado ano cubrindo todos os pases de PONMO. Como colaboradora habitual de Sonia Giordani achegoulle toda a información, co resultado de que a deseñadora italiana deu o paso de solicitar a súa participación nesta edición 2014. Está a traballar xa na colección que presentará, en exclusiva, en Pontevedra.

Marcos Suárez adiantou que a campaña gráfica de PONMO estará tamén moi baseada na imaxe da cidade. Está a traballar nun concepto visual sorprendente e volátil, que será unha metáfora do mundo da moda, e que chamará a atención dende o primeiro momento, pois as propias sesións fotográficas resultarán moi sorprendentes.