Constatan o bo resultado da reforma do barrio de Fontesanta e analizan cos veciños novas necesidades

65

O barrio de Fontesanta recibiu hoxe a visita do tenente de alcalde e concelleiro de Urbanismo, Antón Louro, quen, acompañado do concelleiro de Deportes, Agustín Fernández, e técnicos municipais, comprobou o resultado das últimas actuacións realizadas polo seu departamento, cun investimento que superou os 120.000 euros.

Louro comprobou cun numeroso grupo de veciños que o cambio no espazo público é palpable. As tres rúas sobre as que se actuou non dispoñían de beirarrúas ou, en todo caso, de beirarrúas de menos de 50 centímetros de ancho, completamente deterioradas e mesmo por debaixo do nivel do asfalto. Os veciños queixábanse de sufrir aparcamentos indiscriminados con vehículos apegados ás fachadas, tapando portas e ventás.

Despois desta reforma, todo o barrio queda ordenado, tanto na circulación viaria como na regulación do aparcamento. As novas beirarrúas delimitan especificamente as prazas existentes por medio de “linguas” e “orellas” e reforzan o carácter urbano de Fontesanta. Quedaron tamén delimitados correctamente os espazos de aparcamento.

Louro recolleu algunhas peticións veciñais para dotar tamén a Fontesanta de aparcamentos reservados para persoas con discapacidade e o adecentamento dunha pequena parcela con céspede, para darlle un tratamento máis axardinado. Con todo, a demanda veciñal máis urxente é a consolidación dun pequeno muro que consolida o terreo sobre un camiño veciñal na parte baixa do barrio.