Benestar Social garante alimentos para todos os menores que o precisen no verán

85

A Concellaría de Benestar Social Municipal porá en marcha este verán un programa de atención a todos os menores que precisan apoio para alimentos.
A través dos Servizos Sociais estase a elaborar unha listaxe dos menores que necesitan esta axuda (arredor de 70) e a través dun supermercado da cidade distribuiráselles unha compra semanal. As compras daranse en función do número de membros da familia e incluirá produtos frescos e de primeira necesidade.
Independentemente doutro tipo de iniciativas que xurdan, dende a Concellaría de Benestar Social Municipal quere ter a garantía de que estes nenos poidan comer nas súas casas cos seus pais e irmáns, sen ter que se desprazar a ningures.
Ademais, a Concellaría de Benestar Social Municipal quere agradecer a “colaboración” da Consellería de Educación que anunciou que ía pór a disposición os comedores escolares dos centros para os nenos durante o verán. Pero Carmen Fouces, concelleira responsábel do servizo, lembra que non se trata dun problema de espazos senon de alimentos de primeira necesidade para nenos que, nalgúns casos, non terían nin para unha comida diaria.