O Concello mellora as prazas de estacionamento para usuarios con mobilidade reducida

51

O Concello de Pontevedra iniciou esta semana un plan de instalación e sinalización de prazas de mobilidade reducida, logo do estudo realizado polo equipo de mobilidade en colaboración coa Asociación Amizade, de todas as prazas existentes na actualidade para coñecer as súas deficiencias e carencias. Logo desta análise, o Concello decidiu actuar, inicialmente, en 90 das 140 existentes na cidade, as correspondentes ao centro da cidade.

Segundo explicou o concelleiro de Obras, Luís Bará, as melloras consistirán en detalles como a creación de rampas dende as beirarrúas até a praza de estacionamento para mellorar o acceso ás prazas; ampliar os espazos de estacionamento de cada vehículo para facilitar as maniobras; homoxeneizar a sinalización horizontal e vertical para que todas sexan iguais.

Ademais, aproveitarase a creación de novas prazas en determinados lugares como na avenida de García Sánchez, en Eudardo Pondal ou na rúa Sagasta.

A empresa API será a encargada de realizar este traballo que estará listo antes do inicio das festas do verán. O custe total é de 60.000 euros.