Pontevedra exercerá a principios de xullo como capital do turismo da eurorrexión do Eixo Atlántico

56

A Alameda de Pontevedra será, durante a primeira fin de semana de xullo, o gran escaparate turístico da eurorrexión do Eixo Atlántico. Un total de 27 cidades (14 galegas e 13 portuguesas) participarán na feira Expocidades, que hoxe foi presentada pola concelleira de Turismo, Carlota Román, e o secretario xeral do Eixo, Xoán Mao.

Pontevedra acadou a organización da mostra ao ser seleccionada a súa candidatura de entre as catro presentadas o pasado mes de maio, un logro do que Carlota Román afirmou sentirse “orgullosa”, mentres que Mao recalcou que a razón estivo exclusivamente na calidade da proposta pontevedresa “que estaba moi ben feita”.

Expocidades, que abrirá as súas portas entre o 4 e o 6 de xullo, será unha oportunidade de botar unha ollada a toda a oferta turística dos concellos e cámaras de ambos lados da “raia”. A concelleira de Turismo subliñou que, por unha banda, atraerá público a Pontevedra, pero tamén ofrecerá aos pontevedreses a posibilidade de programar vacacións ou “escapadas” distintas, centradas no entorno máis próximo. Nesta liña, Xoán Mao destacou que na eurorrexión viven sete millóns de persoas que dispoñen de 52 fins de semana ao ano, o que supón un mercado cunha potencialidade enorme para aproveitar as singularidades naturais, culturais, gastronómicas e mesmo relixiosas desta gran conurbación que é o Eixo Atlántico.

En canto á participación confirmada estarán en Expocidades as vilas portuguesas de Braga, Brangança, Douro Alliance (Peso e Vila Real), Guimaraes, Penafiel, Viana, Vila do Conde, Chaves (eurocidade), Vilanova de Gaia, Macedo de Cavaleiros, Barcelos e Matosinhos. A representación galega estará integrada por A Coruña, Ferrol, Lugo, Narón, O Barco de Valdeorras, Ourense, Pontevedra, Verín (eurocidade), Carballo, Riveira, Vilagarcía de Arousa, Monforte, Lalín e Sarria.

O Camiño Portugués a Santiago estará tamén moi presente en Expocidades, onde contará con stand propio. Carlota Román lembrou que leva tempo defendendo a urxencia de facer “verdadeira política de promoción, conservación e difusión do Camiño, pero, polo de agora, hai máis palabras que feitos”. O secretario xeral do Eixo recalcou que está fixado o obxectivo de poñer o Camiño Portugués ao mesmo nivel que o seu “irmán francés” cara o ano 2021.

Por outra banda, a Concellería de Turismo está a traballar na programación complementaria á feira do turismo do Eixo. A fin de semana farase coincidir co Entroido de Verán, que impulsan os hostaleiros locais, e tamén co apoxeo do Concurso de Decoración de Balcóns e Fachadas do Centro Histórico. Ademais, seguindo unha liña de traballo habitual na Concellería para “exportar” os eventos ao mundo 2.0, organizarase un novo showcooking na Praza de Abastos e un blogtrip con especialistas en gastronomía e turismo. Volverán estar en Pontevedra os referentes da blogosfera galega e tamén algúns dos máis coñecidos no mercado español, como Diego Pons (viajandocondiego.com), Manuel Méndez (cocinagallega.es) e Mónica Castelao (galiciousgourmet.com), os dous últimos moi referenciados nos mercados madrileño e barcelonés.

Os actos paralelos inclúen un encontro na Casa das Campás entre empresas dos sectores turístico e gastronómico de Galicia e Portugal nos que está confirmada a presenza de máis dunha trintena de firmas. Finalmente, programouse un percorrido en barco pola ría para as autoridades municipais asistentes e unha visita teatralizada polo Centro Histórico da cidade.