Antón Louro e os propietarios da Granxa do Vao asinan un protocolo para volver impulsar o polígono empresarial

68

O polígono de industria escaparate da Granxa do Vao é unha iniciativa urbanística “dun interese público evidente que dimana da escaseza de solo industrial neste termo municipal”. Así se subliña no protocolo que o tenente de alcalde e concelleiro de Urbanismo, Antón Louro, asinou cos propietarios do ámbito, documento co que se dá cumprimento a unha das observacións formuladas no informe previo negativo emitido pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas o pasado mes de marzo.

O informe previo da Xunta, que demorou o procedemento de modificación puntual do Plan Xeral de Ordenación Urbana de Pontevedra, esixía que se xustificara o interese público da recualificación. O protocolo asinado hoxe entre Louro, Ceferino Nogueira, Serafín Piñeiro e Joaquín Cochón (empresarios propietarios de case o 96% da superficie do sector) salva esta formalidade e declara a pretendida modificación puntual como unha “actuación privada concertada”.

O Concello queda comprometido a tramitar e impulsar a modificación do Plan Xeral diante da Xunta (a quen lle corresponde, ademais do informe previo, a aprobación definitiva), a interesar da Comisión Superior de Urbanismo da Xunta a redución da franxa de Costas dos 200 metros aos 100 metros, a tramitar o plan de equidistribución, o proxecto de urbanización e as futuras licenzas de construción. Ademais, o Concello facilitará asesoramento e soporte técnico.

Os propietarios do polígono quedan obrigados a redactar e achegar a documentación urbanística para a modificación do PXOU, incluíndo o plan de equidistribución e o proxecto de urbanización, a entregar ao concello as parcelas de cesión obrigada, a financiar a expropiación dos posibles propietarios que non se adhiran á actuación e se inclúan no polígono, a constituíren unha entidade de conservación das obras de urbanización, a solicitar licenzas ou comunicacións previas e a facilitar ao Concello cantos antecedentes, datos e información sexa necesaria.

O polígono industrial da Granxa do Vao está previsto no PXOU dende 1989, cunha superficie de 161.760 metros cadrados distribuídos a ambos lados da estrada de Vilagarcía, que a divide en dous subsectores. O primeiro xa está executado e o segundo resultou moi afectado pola ampliación da estrada, a execución da AP-9 e mesmo polo Plan de Ordenación do Litoral. Finalmente, a súa superficie quedou reducida a 42.423 metros cadrados.

Antón Louro destacou que a Concellería vén colaborando cos propietarios dende hai xa varios anos para tratar de sacar adiante esta iniciativa, na medida en que os propietarios teñen asinados contratos de reserva con grandes empresas que proporcionarían máis de 300 postos de traballo.

O concelleiro de Urbanismo lembrou que trátase de desenvolver un polígono que xa estaba previsto no PXOU, pero é necesario afrontar unha recualificación polos profundos cambios sufridos na súa configuración por cuestións totalmente alleas aos propietarios. Louro confía en que, desta volta, se atope toda a colaboración necesaria na Xunta de Galicia para que o proxecto empresarial poida saír adiante.