A reparación da avenida de Marín para despois do verán

58

O Concello de Pontevedra iniciará logo do verán, tal vez na segunda quincena de setembro, a reparación das deficiencias da avenida de Marín. Segundo explicou o concelleiro de Obras, Luís Bará os traballos de construción da avenida de Marín remataron no ano 2011, e tiñan dous anos de garantía. A pesar de que o Concello reclamou o arranxo das deficiencias, dado que a empresa se atopa en dificultades económicas (de feito, xa desapareceu) non se chegou a un acordo, e houbo que executar o aval de 125.980 euros.

Neste momento o Concello está rematando o proceso de contratación que poderá ir a Xunta de Goberno nos vindeiros días.

A reparación que está prevista é a seguinte:

  • Reparación parcial de nove pasos de peóns en toda a zona de beiramar. Suporán arredor de 55.000 euros.
  • Renovación de aglomerados dende a rotonda de Manuel del Palacio cara Marín, por valor de 14.000 euros
  • Melloras na mediana que está con canto rodado e carece, nalgúns puntos, de recollida de pluviais. Os cantos rodados supoñen un perigo para os vehículos.
  • Pequenas melloras no carril-bici e no paseo peonil que consistirán na reposición do lastro e de lousas por uns 7.500 euros.

O investimento total da reparación está valorada en 126.610 euros.

Se prevé que a obra comece no mes de setembro, logo da época estival dado que nesas datas esta estrada ten moito tráfico. Non está previsto cortes importantes de tráfico, xa que os arranxos son pequenos. No momento en que se actúe no carril máis próximo á ría, habilitaranse os dous carrís de entrada á cidade en dobre dirección.