Mo ibo ritmo de traballo nas obras de reurbanización do lugar de Cabaleiro

62

Os concelleiros delegado do rural e a delegada da parroquia de Campañó, Demetrio Gómez e Pilar Comesaña, respectivamente visitaron esta mañá os traballos de reurbanización do lugar de Cabaleiro, punto central da parroquia de Campañó, onde o Concello está a realizar unha actuación con estándares urbanos.
Puideron comprobar que os traballos van a moi bo ritmo, e poderán rematar ao longo deste mes. Ademais das obras previstas, aproveitarase a caída dun carballo para substituílo por un exemplar sano e estable, así como pola plantación dun segundo carballo na zona. Na actualidade hai outros dous carballos no lugar. Tamén se acordou realizar os alcorques das árbores dacordo do seu sistema radicular de tal xeito que se respecte a estabilidade dos exemplares.
A obra ten un custe de 173.050 euros. O propósito é integrar a praza do cruceiro de Cabaleiro, onde conflúen tráfico peonil con rodado, de xeito ordenado e seguro. Polo tanto, se está a facer unha plataforma única na que a calzada terá un ancho de 5 metros, e irá acompañada da canalización de augas pluviais. Atravesará a praza, que estará dividida en dúas zonas peonís. Ademais, a calzada terá un pavimento de asfalto sobre o que se imprimirá un material antideslizante en cor para favorecer a adherencia dos vehículos. Instalaranse lombos redutores de velocidade. E disporá de sinalización horizontal e vertical con velocidade máxima 20km/h.
Ao respecto das dúas zonas peonís, terán un pavimento de adoquín (similar ao da rúa Gutiérrez Mellado), e estarán separadas da calzada cuns pequenos muros de pedra a dúas caras que poderán facer, as veces, de bancos.
O Concello quere agradecer a colaboración dos veciños do lugar no transcurso das obras, especialmente nestes días que os veciños de Campañó celebran as súas festas parroquiais, e onde o lugar de Cabaleiro ten un protagonismo especial.
Esta actuación é a primeira destas características que pon en marcha o Goberno Local nun núcleo rural. O propósito é elevar os estándares de calidade xa implantados no centro urbano ao rural, sendo conscientes de que só se poden pór en marcha nos denominados núcleos de centralidade parroquial, é dicir, lugares de concentración e encontro de veciños, como é o caso de Cabaleiro.