Licitación das obras de reurbanización integral nas rúas de Gonzalo Gallas, Cervera Mercadillo e da segunda fase de Blanco Porto

76

A Xunta de Goberno Local aprobou hoxe os proxectos e o procedemento administrativo para a contratación das obras de urbanización integral das rúas de Gonzalo Gallas e Víctor Cervera Mercadillo (no barrio de San Antoniño) e da segunda fase da rúa de Blanco Porto.

As tres iniciativas están impulsadas polo tenente de alcalde e concelleiro de Urbanismo, Antón Louro dentro do Plan de Obras 2014 do seu departamento. O orzamento global é de 519.000 euros.

Louro destacou que ábrese agora o procedemento de contratación e, unha vez que as actuacións estean adxudicadas, deberán acometerse sen demora pois cóntase con rematalas dentro desta anualidade.

O orzamento da rúa de Víctor Cervera Mercadillo será duns 134.000 euros e prazo inicialmente previsto ronda os 4 meses. No caso de Gerardo Álvarez Limeses, o prezo de saída será de 227.000 euros e o prazo, ao tratarse dunha maior superficie, sobe ata aos 5 meses. Os proxectos foron presentados aos veciños o pasado venres.

Os principios que inspiran as dúas actuacións son idénticos: ampliación das beirarrúas e mantemento da circulación rodada nas mesmas condicións que ata o de agora. Ao tempo, mantense a capacidade de estacionamento na rúa de Álvarez Limeses, onde a maior anchura permite crear dúas bolsas con capacidade para 24 vehículos.

Louro destaca que nalgúns puntos hai beirarrúas inferiores a 80 centímetros de sección en cun firme moi irregular. Ao mesmo tempo, outra das deficiencias máis significadas na zona é a obsolescencia das redes de auga, pluviais e saneamento, polo que deberán ser completamente renovadas. No que atinxe á iluminación, aproveitaranse as luminarias led recentemente instaladas, pero ao deseñarse novas beirarrúas con anchos de 2,5 metros, serán recolocadas sobre báculos ao bordo da calzada.

Na rúa de Blanco Porto o orzamento de licitación alcanza os 156.600 euros e o prazo de execución será dun máximo de 4 meses. Louro destaca que se cumpre así a promesa aos veciños de rematar a totalidade desta céntrica vía, da que xa foi renovado máis da metade do seu trazado.

O último sector abrangue uns 70 metros de lonxitude entre o cruzamento de Cruz Gallástegui e Joaquín Costa. A obra será idéntica á xa executada, con renovación total dos servizos e pavimentos. As beirarrúas serán enrasadas ás do primeiro tramo. O aparcamento manterase no lado dereito da vía, cunha bolsa de ata oito prazas.