Cambios de tráfico na Xunqueira de Ponte Sampaio

43
A Comisión de Infraestruturas deu conta esta mañá dos cambios de mobilidade propostos pola Policía Local no casco urbano de Ponte Sampaio. Segundo explicou o concelleiro responsábel da parroquia, Demetrio Gómez as propostas foron apoiadas por toda a comisión, xa que trata de eliminar as dificultades de seguranza viaria que se producen na vía que une a ponte medieval co campo de fútbol e o colexio.
 
Con carácter xeral, a proposta defende a dirección única dende a ponte até o campo de fútbol, para regresar á ponte pola parte alta do casco urbano. Ao respecto da estrada que vai cara ao colexio, manteríase a dobre dirección, aínda que a Policía Local aposta por unha preferencia peonil con vehículos autorizados no horario escolar.
 
Outras zonas de conflito son diante do Mercado e diante da nave de piragüismo (porque son moi estreitos), onde a Policía Local propón suprimir as prazas de estacionamento da zona (arredor de seis) e separar o tráfico peonil do rodado.
 
A proposta da Policía Local foi ben vista pola Comisión, polo que o Concello ten intención de poñela en marcha "canto antes, se pode ser esta fin de semana, que son as festas do lugar, e aínda con sinalización provisional, non se deixaría para outra data", explicou Demetrio Gómez quen aclaro que esta é unha petición dos veciños de Ponte Sampaio.