A Concellería de Deportes pon en valor os éxitos deportivos de Carlos Ferrer e Elisabeth Oya

81

Os funcionarios municipais Carlos Ferrer (bombeiro) e Elisabeth Oya (policía local) foron recibidos hoxe polo concelleiro de Deportes, Agustín Fernández, despois dos éxitos acadados nos campionatos de España de Atletismo máster, celebrados nas localidades de Monzón (Huesca) e Huelva, durante os pasados 12 de maio e 22 de xuño.

Entre ambos obtiveron un total de seis medallas, das que cinco corresponden a distintas modalidades de lanzamentos practicadas por Carlos Ferrer e unha aos 200 metros lisos, a cargo de Elisabeth Oya.

O concelleiro de Deportes recalcou que é un orgullo contar, no cadro de persoal do Concello, con deportistas de nivel que acadan “resultados excelentes” compatibilizando a súa xornada laboral co adestramento deportivo de alto nivel. Concluíu que supoñen un estímulo para a práctica do deporte e un estilo de vida saudable.

Carlos Ferrer acadou o título de campión de España no pentatlón de lanzamentos (clasificación combinada que inclúe martelo 6 Kg, peso, disco, xavelina e martelo de 11,3 Kg). Cunha puntuación global que superou os 3.350 puntos acadou un récord galego durante este campionato. Días despois, na competición individual de lanzamentos, converteuse no campión de España de disco e martelo pesado. Obtivo pratas en martelo lixeiro e xavelina e quedou en cuarto lugar na competición individual de peso.

Pola súa banda Elisabeth parou o crono en 31,1 segundos nos 200 metros acadando así unha meritoria prata, tendo en conta, ademais, que estivo lesionada ata o pasado mes de abril.

Ferrer lembrou o traballo ao seu adestrador, Javier Gómez Viñas, e Elisabeth fixo o propio con Chus Sanguos. Ademais agradeceron a colaboración do Centro Galego de Tecnificación Deportiva para os seus adestramentos.