“Da vida á morte no Antigo Exipto”

68

A exposición "Da vida á morte no Antigo Exipto" vai permitir ó visitante facer un percorrido polo mundo exipcio antigo, os sus deuses, os seus reis, a vida cotiá, a muller e as crenzas sobre a morte que tiñan os habitantes do País do Nilo.

Está constituída por un conxunto de 132 pezas cedidas polo Museo Egizio de Florencia e conta coa dirección científica e museística de Francisco J. Martín Valentín e Teresa Bedman, director e xerente do Instituto de Estudios del Antiguo Egipto.

Gran parte das pezas que se exhiben foron levadas a Italia pola expedición científica enviada a Exipto desde o 31 de xullo de 1828 ó 27 de novembro de 1829, organizada baixo a protección do rei Carlos X de Francia e do Gran Duque Leopoldo II de Toscana, quen puxeron ó fronte da mesma a Jean François Champollion e a Ippolito Rosellini.

Os numerosos obxectos recollidos durante a viaxe, xa fora mediante a execución de escavacións arqueolóxicas, especialmente en Tebas, ou por compra ós comerciantes locais, dividíronse no camiño de regreso entre o Museo do Louvre en París e Florencia. Entre os moitos obxectos de gran importancia histórica e artística, é de destacar o fragmento de relevo da tumba de Sethy I, procedente do Val dos Reis.

Outras pezas proceden da colección Gran Ducal de Toscana formada desde o século XVIII. Tamén destacan pezas adquiridas por Ernesto Schiaparelli, o descubridor da Tumba da Raíña Nefertary, Gran Esposa Real de Ramsés II.

A exposición permanecerá aberta ata o 5 de outubro no Sexto Edificio (Rúa Padre Amoedo, 3). Horario: de martes a sábado, de 10 a 21 h. Domingos e festivos, de 11 a 14 h. Luns pechado.