A Oficina Técnica de Rehabilitación de Pontevedra informa sobre axudas para rehabilitar vivendas ou edificios

73

As persoas interesadas en informarse sobre as liñas de subvencións que vén de convocar a Consellería de Economía e Industria para a rehabilitación de fachadas e cubertas de vivendas unifamiliares e edificios de vivenda colectiva poden facelo na Oficina Técnica de Rehabilitación do Concello de Pontevedra, situada na rúa de Don Filiberto (Teatro Principal).

O tenente de alcalde e concelleiro de Urbanismo, Antón Louro, subliñou a colaboración do Concello para a difusión e tramitación destas axudas que convoca a Xunta de Galicia. A vontade do departamento de Urbanismo sempre é a de traballar dentro do máximo espírito de cooperación institucional, recalcou, e por iso entendemos que a Oficina municipal de Rehabilitación debe simplificar aos cidadáns o acceso a todo tipo de axudas ás que teñan dereito.

As características principais das tres liñas son as seguintes:

1. Axudas para a renovación de cubertas existentes de vivendas ou edificios de vivenda colectiva e edificacións anexas por cuberta de tella cerámica

Poderán ser beneficiarios os particulares ou as comunidades de propietarios de vivendas ou edificios de vivenda colectiva e as súas edificacións anexas sitas na Comunidade Autónoma de Galicia.

O custo subvencionable máximo será de 55 € por metro cadrado de cuberta, a contía da subvención será do 30% dos custos totais subvencionables.

2. Axudas para a renovación de cubertas de lousa

Poderán ser beneficiarios os particulares ou as comunidades de propietarios de vivendas ou edificios de vivenda colectiva e as edificacións anexas sitas na Comunidade Autónoma de Galicia.

O custo subvencionable máximo será de 70 € por metro cadrado de cuberta, a contía da subvención será do 30% dos custos totais subvencionables.

3. Axudas para a rehabilitación con granito das fachadas de edificacións de vivendas existentes

Poderán ser beneficiarios os particulares ou as comunidades de propietarios de vivendas illadas ou edificios de vivenda colectiva e as edificacións anexas sitas na Comunidade Autónoma de Galicia.

O custo subvencionable máximo será de: 110 € por metro cadrado no caso de fachadas pegadas de granito, 140 € por m2 no caso de fachadas trasventiladas de granito e 130 € por metro cadrado no caso de fachadas de perpiaño de granito, a contía da subvención será do 30% dos custos totais subvencionables cun máximo de 12.000 € por vivenda unifamiliar illada ou 40.000 € no caso de edificio de vivendas en bloque.

As solicitudes poderán presentarse segundo o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es (preferiblemente por vía electrónica). O prazo para solicitar estas axudas comezou o pasado 28 de xuño e vai ata o próximo día 31 deste mes de xullo ou ata que se esgoten os fondos económicos consignados.

Máis información sobre esta convocatoria na web do Concello no enlace https://www.pontevedra.eu//areas-de-xestion/urbanismo-e-territorio/ari-estribela-1-2-3/outras-axudas-de-interese.

Tamén pode consultarse información sobre todas axudas existentes en materia de vivenda en https://www.pontevedra.eu//areas-de-xestion/urbanismo-e-territorio/ari-estribela-1-2-3/presentacion.