A reforma das piscinas de Campolongo e o novo complexo da Parda suporán un investimento de 6 millóns de euros

75

A Xunta Rectora do Instituto Municipal de Deportes (IMD) aprobou hoxe, a proposta do seu presidente, o concelleiro de Deportes, Agustín Fernández, o sometemento a exposición pública do anteproxecto arquitectónico e estudo de viabilidade para a reforma do complexo de piscinas de Campolongo e a construción do centro lúdico-deportivo da Parda.

O investimento total alcanza os 6.076.448,60 euros, a duración das obras será dun ano e o prazo concesional chegará aos 40 anos. Diante do avultado investimento esixido non se prevé, inicialmente, abono de canon por parte da concesionaria. Os plans da Concellería de Deportes pasan por aprobar definitivamente o anteproxecto e estudo de viabilidade a principios de setembro. A continuación se licitaría a concesión (inclúe a execución e explotación das obras) entre as empresas interesadas. A adxudicación definitiva se produciría a principios de decembro.

Agustín Fernández destacou a fortaleza que supón licitar conxuntamente as dúas infraestruturas deportivas porque a “unidade de xestión” incidirá en que sexan máis factibles. Ao mesmo tempo, destacou, soluciónase o deterioro do centro de Campolongo e o remate do centro deportivo da Parda, obra licitada pola Xunta no marco dun convenio co Concello, e que está en situación de absoluto abandono dende 2009. O edil subliñou que estamos diante da actuación municipal máis relevante deste mandato.

Nas piscinas de Campolongo preténdese unha ampliación aproveitando a totalidade da parcela a nivel de soto. A superficie total construída pasaría de 3.858 metros cadrados a 4.338 metros cadrados. Ao mesmo tempo haberá unha renovación total das instalacións técnicas das piscinas, saneamento do forxado do teito, renovación total dos vasos e praias e melloras de accesibilidade e evacuación para adaptarse á normativa actual. O centro pasará a ter ascensor e dúas escaleiras de emerxencia ao teito. Disporá dunha gran sala de fitness (505 metros cadrados) e catro salas de actividades (todas elas de máis de 100 metros cadrados). Na cuberta actual se habilitarán tres pistas de baloncesto e unha de futbito.

O orzamento total nesta actuación chegará aos 3.067.654,29 euros e o prazo de execución é dun ano, aínda que o anteproxecto prevé unha posible apertura parcial (só das piscinas) a partir do cuarto mes, pois as obras comezarán pola planta soto.

No que atinxe ao complexo lúdico-deportivo da Parda, abrangue unha superficie total de 34.487 metros cadrados. Se ben, actúase sobre 22.185 metros iniciais, deixando outros 12.302 metros cadrados en previsión de alcanzar un acordo coa Xunta de Galicia para a construción dun pavillón de ximnasia. A intención municipal é que o Concello poda resarcirse así da interrupción das obras ás que se comprometeu a Administración autonómica. Finalmente, prevese un aparcamento para 100 vehículos e un parque público (con xogos infantís) duns 300 metros cadrados.

O anteproxecto contempla un edificio de control de accesos e oficinas, vestiarios e cafetería. A dotación deportiva estaría composta por catro pistas de pádel e tres piscinas de 25×14, de 12,5×7 e unha infantil de 12,6 metros cadrados. O futuro das estruturas dos edificios xa construídos e abandonados á intemperie dependerá do proxecto final que presente a concesionaria que obteña a adxudicación das obras e a súa explotación.

O orzamento previsto para A Parda alcanza os 3.008.794,31 euros, dos que máis da metade van para obras de urbanización, viais, beirarrúas e instalacións urbanas. O prazo de execución será máis áxil e podería completarse en seis meses.

En canto ao estudo de viabilidade económico-financeira, calcula que a concesionaria podería alcanzar unha cifra duns 2.700 abonados, que pagarían distintas cotas e abonos (mensuais ou de temporada) en función das súas circunstancias persoais do beneficiario. Tamén se prevén entradas individuais. Os actuais abonados a Campolongo non terían custo de matrícula de inscrición.

Agustín Fernández concluíu recalcando que, de momento, todos os datos son provisionais porque as empresas licitadoras terán oportunidade de ofertar todo tipo de melloras tanto en investimento como en prezos e só entón se coñecerán as cifras definitivas.