O programa de formación e inserción laboral ILES amplíase ata fin de ano para acoller 105 novos alumnos/as

62

A Xunta de Goberno Local aprobou hoxe as bases reguladoras para a selección das 105 persoas que se beneficiarán dunha prórroga de seis meses do programa de formación e inserción laboral (ILES), que promove a Concellería de Promoción Económica e Emprego co apoio do Fondo Social Europeo.

A concelleira, Carlota Román, anunciou hoxe que o procedemento de selección será modélico porque todos os candidatos deben proceder directamente das oficinas do Servizo Galego de Colocación, único punto onde os candidatos/as poderán solicitar a súa inclusión nas listaxes. Engadiu que isto supón un filtro de imparcialidade moi necesario nestes tempos. Queremos tratar aos parados sempre co máximo respecto e dicirlles que na Concellería de Promoción Económica a porta de entrada é o mesma para todos, recalcou.

As persoas interesadas deben, por tanto, dirixirse canto antes ás oficinas dos Servizos de Emprego, que remitirá ao Concello unha listaxe con 315 nomes a finais deste mes de xullo (tres candidatos por cada praza). As entrevistas de selección realizaranse polo persoal técnico do ILES durante o mes de agosto. A selección definitiva realizarase en base ao baremo incluído nas bases que puntúa o empadroamento no concello de Pontevedra, non ter participado participado en edicións anteriores de ILES, o sexo feminino, seren menor de 30 anos ou maior de 45 anos, a pertenza a colectivos especiais, seren demandante de primeiro emprego, levar parado entre 2 e 5 anos ou máis de 5 anos, e, finalmente, o resultado da entrevista persoal.

Carlota Román destacou que o programa trianual ILES rematou o pasado día 30 de xuño. A Concellería de Promoción Económica tramitou e acadou unha prórroga de seis meses diante do Ministerio de Hacienda beneficiándose así dos remanentes nos fondos europeos. Gracias a esta iniciativa, o programa municipal continuará ata o 31 de decembro próximo.

Esta novidade permitirá convocar novos itinerarios de formación e inserción nas especialidades de Auxiliar de Xeriatría, Monitor de Natación Sincronizada, Monitor de Actividades Acuáticas para persoas dependentes, Atención especializada a enfermos de alzheimer, atención á infancia, Camareiro/a de pisos e, finalmente, Atención sociosanitaria a persoas no domicilio.

Os cursos comezarán o próximo 8 de setembro. Cada curso ten unha capacidade de 15 persoas e unha duración de 365 horas. Polo tanto, a prórroga do programa ILES permite formar a 105 persoas máis, destacou Román.

Carlota Román destacou o esforzo realizado neste programa, que acada resultados de integración laboral (medidos pola consecución de cando menos un contrato de traballo relacionado coa formación recibida) próximos ao 50%.

A posta en marcha deste novo período de seis meses do programa ILES ten un custo total de 216.290 euros, dos que os fondos europeos achegan 173.032 euros e o Concello os restantes 43.258 euros. O custo total dos tres anos e medio de ILES alcanza así os 1.579.419 euros. O 80% do programa está financiado polo Fondo Social Europeo e ao Concello correspondeulle unha achega do 20% restante, ou sexa, de 315.982 euros.