O alcalde recibe a Beatriz Gómez Cortés para felicitala polo seu novo récord

48

A nadadora pontevedresa Bea Gómez Cortés foi recibida hoxe polo alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, despois do seu recente éxito no Campionato de España Absoluto e Júnior de Verán de natación, que se disputou dende o pasado mércores en Barcelona. A deportista do Club Natación Galaico logrou colgarse a medalla de ouro nunha das súas probas favoritas, os 200 metros estilos.

Bea Gómez Cortés subiu ao máis alto do podio nesta proba cunha marca de 2:14.00. Foi dous segundos e medio máis rápida que a segunda clasificada, Catalina Corro (Club Natación Palma). Terceira foi Anne Mills, do Real Canoe. Con esta marca, récord do campionato, a pontevedresa quédase a menos de dous segundos de bater a súa propia plusmarca galega, lograda en Pontevedra en marzo do ano pasado.