Paralizan a reparación da ponte da Xunqueira de Alba polo seu estado de deterioro

77

A Concellaría de Medio Ambiente paralizou hoxe o proxecto de reparación da ponte peonil da Xunqueira de Alba, logo de comprobar o estado de podredume da estrutura e despois de iniciar os primeiros traballos. A concelleira Anxos Riveiro e os técnicos municipais acordaron paralizar a obra dado que as vigas principais que suxeitan a estrutura da ponte están podridas, e non son reparables.
Esta nova situación obrigou hoxe a valar toda a ponte (as súas tres entradas) colocando a correspondente sinalización de prohibido o paso dado que hai risco de desplome; e iniciar a tramitación da contratación da nova pasarela, un proceso que se poderá demorar unhas semanas.
Aínda que o Concello dispoñía dun informe técnico que avalaba a reparación e non a substitución da ponte, os primeiros traballos de levantamento do entarimado do chan revelaron que as vigas principais estaban podridas e non podían ser reparadas.
Tamén nestes traballos previos púdose comprobar que tanto a instalación como a construcción da ponte non foron as máis idóneas xa que as balaustradas de metal eran demasiado pesadas para a estrutura, o entarimado non tiña a anclaxe idónea aos pilares, as vigas non presentaban a conservación que debera logo de pasar só 14 anos da instalación, entre outras cousas. De feito, logo de acordar a paralización e substitución da ponte, os técnicos municipais supervisarán as zapatas para confirmar que teñan o estado de conservación adecuado para soportar unha nova estrutura.
O proxecto está por facer pero dende a Concellaría óptase por unha ponte acorde co hábitat do Enil da Xunqueira de Alba, aínda que non coas dimensións da actual, porque non é necesaria para o uso que ten.
Nestes días tamén se definirá si se desmontará antes ou á par da instalación da nova ponte dado que a intendencia para desmontala é bastante custosa.