O río Lérez acolle a Copa de España de Maratón, primeiro ensaio para o Europeo de 2016

54

O río Lérez e Pontevedra teñen unha cita co piragüismo de alto nivel esta fin de semana. Chega a Copa de España de Maratón, proba que se fai coincidir co Campionato Galego da especialidade, e que ocupará as xornadas de sábado e domingo.

A proba, que pecha o calendario de élite deste ano impulsado gracias ao convenio entre a Concellería de Deportes e a Federación Galega de Piragüismo, foi presentada hoxe polo edil, Agustín Fernández, e o presidente federativo, Alfredo Bea.

A inscrición está pechada con 504 deportistas e presenza de 97 clubs chegados de toda España. Ademais, a Copa chega co aliciente de que será a última oportunidade de clasificarse para o Mundial, que se celebra en Estados Unidos.

O elevado número de participantes e a abundancia de categorías: C-1, C-2, K-1 e K-2, de cadete ata veteranos, masculino e feminino, obriga a dispoñer a competición en xornadas de mañá e tarde o sábado e na mañá do domingo. Entre os participantes estará o barco do pontevedrés Óscar Graña e o seu compañeiro Ramón Ferro, actuais campións do Mundo e dous dos piragüistas máis laureados. As distancias totais a cubrir varían entre os 12 Km dos cadetes e os 31 Km dos senior.

Agustín Fernández explicou que a Copa de España será o primeiro ensaio coa vista posta no Europeo de Maratón do ano 2016. Será o maior evento deportivo de cantos se teñan desenvolvido na historia de Pontevedra, recalcou o responsable municipal, pois máis de 2.000 deportistas estarán na cidade durante unha semana completa.

Alfredo Bea indicou que o segundo gran ensaio chegará co Campionato de España de Maratón, que se celebra en 2015. Un dos aspectos que se vai avaliar durante esta Copa é a situación da área de porteo na Illa das Esculturas, cambiando o plan inicial de situala augas arriba e abaixo da ponte dos tirantes. De feito, o circuíto desta Copa de España tamén se ten desprazado, pois consiste en voltas de catro Km entre a ponte de San Bieito (antigo paso da vía férrea) e a ponte de Santiago.

O presidente da FGP aludiu ao cambio de criterio na Federación Internacional que permitiu circuítos máis curtos na especialidade de maratón para dar máis atractivo ás probas e poder así optar por localizacións urbanas.

Agustín Fernández amosouse moi satisfeito con estas variacións e destacou que a Copa disporá así dun escenario natural magnífico, que se pode seguir dende ambas beiras do río. Por todo elo animou aos pontevedreses a achegarse durante a fin de semana para seguir unha proba de gran beleza e tamén dun gran esforzo físico.

Tanto o concelleiro como o presidente da Federación destacaron o éxito do convenio asinado este ano, que permitiu traer unha programación moi completa nun deporte de referencia para Pontevedra.