A afluencia de turistas á rede municipal de información creceu un 17% durante o mes de xullo

68

O mes de xullo pechou con cifras de afluencia aos tres puntos de información turística do Concello de Pontevedra superiores ás rexistradas durante o ano pasado. O incremento foi superior a un 17%, segundo as estatísticas elaboradas pola Concellería.

En total foron 13.759 as persoas que reclamaron información na rede municipal, composta pola Casa da Luz e as casetas da praza de España e Eduardo Pondal-Vialia. A maiores, algo máis de 500 veciños de Pontevedra pasaron pola rede turística municipal para recoller programación festiva ou cultural.

A concelleira de Turismo, Carlota Román, lembra que trátase das estatísticas das persoas que acoden ás oficinas de turismo a reclamar calquera tipo de información, que non teñen que coincidir exactamente coas cifras reais de visitantes, nin coas de ocupación hoteleira.

As estatísticas das oficinas municipais demostran que se mantén estable, en torno ao 80%, a procedencia nacional dos visitantes, mentres que o 20% restante procede do estranxeiro. Ao estudar as variacións nestes dous grupos obsérvase un incremento moi parecido (25% máis de nacionais e 17% máis de estranxeiros). Entre os nacionais predominaron os madrileños e os andaluces (22% e 21% do total), mentres que entre os chegados doutros países foron maioritarios os portugueses (17%, seguidos dos británicos e alemáns, ambos cun 11%).

Un 51% deles chegaron a Pontevedra en coche, un 22% en autocar e un 8% en avión. En canto ás razóns para visitar Pontevedra a principal é o clima e a paisaxe (máis do 40%). A concelleira de Turismo considera que as cifras volven demostrar que a política municipal de dirixir as campañas de promoción ao territorio cuberto por un radio de acción de 5 horas en coche é acertada e continúa a dar froitos. A ela súmase a presenza constante en certames e eventos turísticos de ámbito profesional con accións máis especializadas, como as que se están a desenvolver no marco do turismo de feiras, congresos e negocios.

Un dato que, en opinión de Carlota Román, resulta moi satisfactorio é que se constatou que un 30,64% das persoas que se achegaron ás oficinas de turismo dixeron estar aloxadas na propia cidade Pontevedra, unha porcentaxe que manifesta tendencia ao crecemento dende que se empezou a recoller. En canto ao tipo de aloxamento, un 69% prefire os hoteis e ata un 14% dorme en albergues, con especial peso do albergue de peregrinos.

En canto ao rango de idades, predominan as franxas que van dos 46 aos 60 anos e dos 31 aos 45 anos cun 33% e un 27% do total. Notouse moita presencia de familias con nenos e tamén de grupos organizados. Ata un 92% dos visitantes admitiron que non coñecían Pontevedra e moitos deles dixeron quedar sorprendidos co Centro Histórico e a beleza da cidade. A maioría amósase disposto a repetir visita.

A concelleira de Turismo está especialmente satisfeita do tirón das visitas guiadas que organiza directamente este departamento, pois ao longo do mes de xullo tomaron parte nelas 569 persoas, o que supón un forte incremento de máis do 50% con respecto ás rexistradas en xullo de 2013. Os madrileños son os máis asiduos (29%), pero constatouse tamén a presenza de xente de case todas as comunidades autónomas e de turistas estranxeiros. Os participantes nas visitas guiadas amosan gran interese pola historia da cidade e os seus principais monumentos, pero tamén pola posibilidade de visitar adegas, pazos e tamén algúns referentes turísticos próximos, entre os que destacan Combarro e Santiago de Compostela.

No que atinxe ás visitas teatralizadas, a cargo do grupo teatral Migallas e nos que a Concellería de Turismo colabora, rexistraron a participación dunhas 500 persoas, polo que, segundo os seus organizadores foron “un éxito rotundo”.

A subvención municipal abranguía un total de 10 visitas durante este mes de xullo, das que se celebraron nove, dado que unha delas foi aprazada por mor da choiva. Celebrarase o próximo xoves, 28 de agosto, con saída, como sempre, a partir das 22.00 horas, dende detrás da Casa do Concello.

As visitas teatralizadas ofrecen un percorrido alternativo e moi ameno polo Centro Histórico no que non faltan cancións, xogos e bailes para todos.