Nove empresas presentan oferta para construír o novo Centro social de Salcedo

71

O Concello de Pontevedra celebrou esta mañá a primeira xuntanza da mesa de contratación para a adxudicación do novo Local social da parroquia de Salcedo. O prezo de licitación é de 778.522 euros, que se financian en dúas anualidades, sendo para este ano 300.000 euros.
Foron nove as empresas que se presentaron a esta licitación:
• Ediserpo
• Ramírez
• Construcións Delfín Ferreiro Rodríguez
• Orega
• ACPA
• GPD
• Únika
• Elecnor
• Elsamex

Nas vindeiras semanas volverase a reunir a mesa para continuar co proceso de adxudicación. A proposta que saia da mesa de contratación terá que ser aprobada pola Xunta de Goberno.
Segundo o proxecto de licitación, o Local social terá unha superficie construída de 650 metros cadrados e contribuirá a conformar o núcleo de centralidade parroquia nesta zona onde xa se atopan os colexios, a Casa da música, a Casa do monte e o novo parque infantil. Tamén está a carón da Igrexa e do cemiterio parroquial.
O proxecto foi negociado dende o primeiro momento co Consello parroquial incluíndo as peticións da plataforma constituída con posterioridade ao primeiro proxecto. Inclúe zonas de estancia, reunións, baños, espazo para obradoiros, e dúas salas amplas con paredes móbiles que permitirá crear un espazo de escenario e platea, no caso de darse unha representación.
O concelleiro delegado da parroquia, Demetrio Gómez, explicou que se trata dun Centro social ambicioso "polo prezo, pola funcionalidade, polos avances técnicos e pola capacidade do edificio".