A USC estudará os 42 fragmentos de cerámica achados no Castro das Croas

53

Os traballos de escavación no Castro das Croas sacaron á luz un total de 42 fragmentos de cerámica nestes seis primeiros días de actividade. Os anacos estaban repartidos entre a cabana (17) e a cara interna da muralla (25).
Os que se atoparon na muralla estaban nunha das testemuñas que quedaron da escavación de 1993 e que se están retirando. Estaban debaixo dunha acumulación de pedras que se corresponde cun derrubamento da muralla, que puido deberse a causas naturais ou ben a intervención do home.
Os fragmentos de cerámica conteñen restos de terra e serán enviados ao Grupo de Estudos para a Prehistoria do Noroeste Ibérico (GEPN) da USC, que serán os encargados analizalos e determinar a que época pertencen e que tipo de uso se lle daba.
Coas pezas aínda sen limpar, a cerámica aparentemente non está decorada e, segundo os arqueólogos, posiblemente se trate dunha ola.
Visita guiada
Esta mañá tamén se realizou a segunda visita guiada ao Castro das Croas. Nesta ocasión participaron máis de 30 persoas que tiveron oportunidade de coñecer de primeira man os traballos que se están a realizar e tamén un pouco máis sobre a cultura castrexa.
A vindeira semana, luns e martes, terán lugar as xornadas de voluntariado. Desenvolveranse en dous grupos de cinco persoas (un cada día), que durante dúas horas (de 10.00 a 12.00 horas) poderán participar na escavación da cabana e da muralla.