Catro bandas galegas farán saltar ao Teucro cos concertos de Brinca na praza

123

A praza do Teucro acolle mañá e o sábado unha nova edición dos concertos de música rock en galego "Brinca na praza" incluídos dentro da programación das festas do verán de Pontevedra. E será a última actividade programada antes da Feira Franca.
En Brinca na praza está prevista a actuación de A Banda do terror e da Familia Caamagno, o venres a partir das 22.00 horas. E de Frenaso no Calsonsillo e O Caimán do Río Tea, o sábado, 30 de agosto, á mesma hora.

A banda do terror
Banda que se versiona cancións galegas do rock e do bravú. Arturiño, Xosé e Robertiño son os compoñentes desta banda. Veñen dos suburbios do Lérez, compoñentes doutras bandas nadas nesta cidade: Los villanos de Boraville, Flip Corale y los macabros, Fervellasverzas, Querido extraño, Tractor Troy…
A Banda do terror é unha banda caseira feita para divertirse eles mesmos, pero especialmente ao público que remata os concertos con callos na lingua e bochas nos pes.

Familia Caamagno
Tras editar no 2012 as súas dúas primeiras referencias sonoras (o homónimo EP de debut e o sinxelo “Cantan polo Nadal!”) e despois de recorrer toda a xeografía galega co seu bailongo directo, convertíndose nunha das revelacións da música actual galega, a Familia Caamagno arranca o 2014 co seu flamante novo EP, o vibrante e marchoso “Hai que andar cos tempos!”.
Rexistrado nos estudios analóxicos Circo Perrotti de Xixón baixo a supervisión de Jorge Explosión, e editado polo selo compostelán Lixo Urbano, ofrece o mesmo que as galas dos Caamagnos: bailes trepitandes e diversión mongólica.

Frenaso no Calsonsillo
Frenaso no Calsonsillo aparece na primavera de 2014 cando a posibilidade de tocar no festival Galegote Rock versionando un disco do rock galego, catro músicos da escena local de Pontevedra deciden xuntarse para este proxecto.
Cos ollos postos nos Heredeiros da Crus, unha das bandas máis recoñecidas do rock galego e o seu disco "Está que te cajas", Alberte (Que Desilusión e Skirl), ao baixo, reclutou a Rubén compañeiro nas dúas bandas nas que ambos tocan para as baterías e a dous vellos coñecidos como son Pedro "Botas" (PDA -Plus de Alce-) para a guitarra, e Pablo Corbillón (The Bodysnatchers, Test Hammer) á voz principal.

O Caimán do Río Tea
A banda estrenouse no ano 1991 co nome “O Caiman do Río Tea e os Moros que atacan a aldea”, nome dun equipo de fútbol sala participante da histórica liga do Sportivo. Os moros marcharon para a aldea e o grupo quedou bautizado como “O Caiman do Río Tea” que estivo activo ata a o ano 98.
Centos de concertos levaron ao grupo a compartir escenario con “irmáns de xeración” como os Diplomáticos de Montealto, Os Heredeiros da Crus, Os Rastreros ou Yellow Pixoliñas, e tamén con outros inéditos testigos da enerxía bravú como os Enemigos, Los Planetas, Los Piratas ou Killer Barbies.
Inda que a mellor carta de presentación do grupo sempre foi o seu directo, tamén publicou numeroso material que agora o grupo intenta recopilar: maquetas, as cancións para o Xabarin Club “Estou na Lavadora” e “Ven a Bailar”, o disco “Feito na casa” (Sons Galiza 95), un maxi de cinco cancións por acadar o Primeiro premio do Certamen Galego da Canción 95, o maxi de cinco temas autoeditado “Caiman”, e o single de dúas cancións tamén autoeditado “Vota”.
Ademáis o grupo participou no recopilatorio “Unión Bravú” (Cumio.96) coa canción “Manolo Pescadilla”. No 98 “O Caiman” volveu ao río Tea e alí estaba ata hoxe.