Pontevedra capta turistas ao pé dos cruceiros que arriban ao porto de Vigo

63

A empresa municipal Turismo de Pontevedra, dependente da Concellería de Turismo, comezou onte unha campaña de captación de turistas de cruceiro no porto de Vigo que se vai desenvolver durante todo o mes de setembro.

A concelleira Carlota Román explica que durante este mes máis de 20 cruceiros farán escala na rada olívica e agárdase a chegada de 40.000 persoas, entre pasaxe e tripulación, polo que estimouse a oportunidade de iniciar unha acción específica co obxectivo de atraer parte deste público potencial cara a cidade de Pontevedra, como capital das Rías Baixas.

Seguindo a liña iniciada o ano pasado, a campaña incidirá na comunicación por tren entre as cidades de Vigo e Pontevedra, a escasa distancia e a beleza do traxecto, no que se pode gozar das vistas sobre a ría viguesa e tamén do entorno da capital da provincia.

Dúas informadoras turísticas son as responsables do desenvolvemento da campaña, que consistirá no reparto a pé de buque de folletos e todo tipo de información, especialmente á que atinxe aos horarios das conexións ferroviarias e a oferta turística dispoñible a través da Casa da Luz, para tratar de incentivar aos cruceiristas para pasar o día ou parte del na cidade de Pontevedra.

Carlota Román destaca que durante este mes agárdase a chegada de cruceiros como o MS Opera ou o Oasis of de Seas, este último considerado o maior do mundo, dado que conta con 16 cubertas e capacidade para 2.394 tripulantes e 6.360 pasaxeiros.