O equipo directivo de Funespaña, a empresa que impulsa o tanatorio-crematorio de San Amaro, mantivo unha xuntanza esta mañá co concelleiro de Urbanismo e tenente de alcalde, Antón Louro, aproveitando a súa visita a Pontevedra. Esta tarde manterán un encontro coa Plataforma Anticrematorios Pontevedra-Leste.
José Vicente Aparicio, subdirector xeral de Funespaña, e José María García, responsable da zona Norte, explicaron ao tenente de alcalde que o investimento total que van realizar nesta cidade, incluída a adquisición da empresa local Sempsa, compra de terreos, desenvolvemento do proxecto e execución de obra superará os 6 millóns de euros.
Explicaron que a empresa xestiona 24 crematorios en toda España e aspira tamén a estar en Pontevedra para atender un servizo cada vez máis demandado pola sociedade, polo que continuará adiante co proxecto pontevedrés.
Finalmente, recalcaron que son titulares duns terreos situados en solo rústico e zonificados para actividades mortuorias en virtude do Plan Especial de Infraestruturas e Dotacións tramitado polo Concello e aprobado definitivamente pola Xunta de Galicia no ano 2009.
Pola súa parte, Antón Louro volveu explicar que a resultas da alarma social suscitada pola coincidencia de ata cinco proxectos distintos de crematorios, algúns deles situados en pleno centro urbano, o Concello acordou modificar o Plan Xeral de Urbanismo e limitar o uso crematorio aos terreos rústicos, aos polígonos industriais e aos cemiterios, ademais de esixir unha distancia cautelar de 50 metros (a mesma que a lei galega esixe para os cemiterios) ás zonas residenciais. Esta modificación, redactada e proposta polos técnicos municipais, está aprobada inicialmente e atópase actualmente en fase de resolución das alegacións. Ao final do procedemento, volverá corresponder á Xunta de Galicia a aprobación definitiva.