A Concellería de Deportes reparte 291.000 euros en subvencións aos clubs pola participación en competicións

85

Cumprindo co obxectivo de librar as subvencións deportivas dentro da mesma anualidade en que foron convocadas, a Xunta Reitora do Instituto Municipal de Deportes, aprobou hoxe a concesión de 291.000 euros a un total de 67 clubs que participan en competicións oficiais durante este 2014.

O concelleiro de Deportes, Agustín Fernández, anunciou o pasado mes de abril, cando se aprobaron as bases e a convocatoria que as subvencións, ao adoptarse o criterio de cinguilas ao ano natural para gañar en axilidade administrativa, serían libradas despois do verán.

Fernández tamén destacou que despois do período de exposición pública da resolución provisional non se presentou ningunha reclamación, o que reforza a transparencia coa que as axudas foron tramitadas.

Os clubs beneficiados polas subvencións por participacións en competicións oficiais son: SD Teucro, Sociedad Gimnástica, Baloncesto Arxil, Leis 26 Fútbol Sala, Club Natación Galaico, Club Balonmano Cisne, A.J. Lérez, Club Taekwondo Mace Sport, Club Tenis Mesa Monte Porreiro, Club Ximnasia Pontevedra, Club Voleibol Pontevedra, ACD A Seca, Salvamento Acuático Pontevedra, Salgueiriños CF, Marcón Atlético, Escuela Piragüismo Ciudad de Pontevedra, Club Treboada Pontevedra, Pontevedra Rugby Club, Baloncesto Estudiantes Pontevedra, Club Waterpolo Galaico, Agrupación Deportiva Sagrado Corazón, Club Galaico Sincro, Club Montañeiros Pontevedra, Club Naval de Pontevedra, Escuela de Fútbol Portero 2000, Escola Hungaresa de Esgrima, Escola Xadrez Pontevedra, Natación Sincronizada Pontevedra, Club Piragüismo Verducido, S.D. Monteporreiro, SCD Salcedo, Club Río Verdugo de Piragüismo, Club Squash Pontevedra, Club Taekwondo Taekanart, Club Tenis Pontevedra, AXD Verdugo, Judo Club Pontevedra, Club Fútbol Unión Sampaio, Ciudad Pontevedra C.F., Club Ximnasia Rías Baixas, Casino Mercantil e Industrial, Marcón Fútbol Sala Feminino, Asociación de Boxeo de Pontevedra, Balonmnán Pontevedra, Mareantes Rugby Club, Club Deportivo Ciencias de la Actividad Física y Deporte, Gimnasio Odisea Sport Club, Club Loita Pontevedra, Peña Ciclista Motobike, CDAR Xeve, Bora Club Fútbol, Club Galego Turístico-Cultural Subacuático Sotavento, Arco Teucro, Club Boa Vila Tiro con Arco, San Andrés C.F., Billar Club Pontevedra, Club Polideportivo Juan XXIII, Escola Ximnasia Vagalume, Eiriña Atlético, Club Polideportivo Méndez Núñez, Club Natación Master Pons Vetus, Atlético Estación, Cerponzóns C.F., Pontevedra Fútbol Gaélico, Triatlón Galaico Cidade de Pontevedra, Club Ciclista Farto e Temerarias Team.

Unha vez resolta esta liña de subvencións, a principal das tres que xestiona o IMD, nas próximas semanas chegará a quenda das liñas que apoian a organización e desenvolvemento de actividades deportivas ordinarias ao longo desta anualidade (cunha dotación total de 60.500 euros) e a que apoia ás Escolas Deportivas Municipais (que supoñen outros 119.500 euros).

As tres liñas de subvencións, que, por primeira vez se pagan dentro da mesma anualidade en que se convocan supoñen un importe total de 470.000 euros das arcas do Concello que van directamente ao apoio do deporte local e que se suman a outro tipo de axudas, como as que se distribúen a través de Turismo de Pontevedra.

O concelleiro de Deportes adianta tamén que antes de que remate este ano 2014 aprobaranse xa as bases para a convocatoria de 2015, o que contribuirá a seguir axilizando os pagos. O obxectivo é continuar por este camiño ata conseguir que as axudas cheguen aos clubs ao comezo de cada anualidade.


 

SEN ALEGACIÓNS

Por outra banda, a Xunta Rectora do IMD foi informada de que non se recibiron alegacións durante o período de exposición ao público do anteproxecto de construción e explotación das obras de ampliación nas piscinas municipais de Campolongo e para a construción dun complexo ao aire libre na zona da Parda.

Durante o período de exposición pública pedíronse informes á Administración do Estado, á Xunta de Galicia, á Deputación e ao propio Concello. Únicamente os servizos urbanísticos do Concello contestaron avaliando a viabilidade urbanística do proxecto.

Diante da falta de alegacións e de informes negativos, a Xunta Rectora do IMD acordou hoxe aprobar o anteproxecto. Determinouse que as futuras instalacións serán explotadas por unha empresa contratadas en réxime de concesión de obra pública. O procedemento de selección será aberto.

A Xunta Reitora do IMD quedou facultada, por tanto, para iniciar os trámites necesarios para a licitación pública, para o que nas próximas semanas aprobaranse os pregos de condicións que rexerán o concurso.

Agustín Fernández felicitouse por este resultado e destacou que diante da ausencia de alegacións o procedemento cobra firmeza e afronta a recta final de cara a adxudicación da empresa concesionaria, sempre con total transparencia e seguindo os pasos que nos marca a lei.

A execución das obras de ampliación de Campolongo e o novo centro da Parda terá un orzamento, segundo as previsións do anteproxecto aprobado, que superará os seis millóns de euros.