Nova iluminación para a ronda de Monte Porreiro e para o barrio do Castañal

63

A Xunta de Goberno Local aprobou esta mañá distintas licitacións e contratacións entre as que se atopa a reparación da avenida de Marín, a nova iluminación da ronda de Monte Porreiro, ou un proxecto de aforro enerxético para o barrio do Castañal e Loureiro Crespo.

Segundo explicou o portavoz do Goberno, Raimundo González que a Xunta de Goberno adxudicou a Covsa 119.013,50 euros a reparación da avenida de Marín. Esta reparación farase a cargo da fianza incautada á empresa constructora da reforma da avenida, Hidroscivil, que xa está desaparecida e nunca puido facerse cargo da reparación debido a que se atopaba, naquel momento, en proceso concursal.

Ao respecto da iluminación da ronda entre Monte Porreiro e Médico Ballina, o Concello encargarase de facer a licitación do tramo entre Médico Ballina e a Porta do Sol por valor de 106.000 euros, aproximadamente. O segundo tramo farao a Deputación provincial até completar un investimento total de 218.196,50 euros. Segundo o portavoz do Goberno, dotar de iluminación a este novo viario do municipio, dará seguridade aos peóns, ciclistas e tamén conductores que a diario transitan por esta ronda.

A Xunta de Goberno Local tamén aprobou a licitación do proxecto de aforro enerxético para o barrio do Castañal, Loureiro Crespo incluído. Trátase dun investimento de 59.999,99 euros que permitirá cambiar as actuais luminarias por leds, e mellorar a calidadee lumínica contribuíndo ao aforro enerxético. Segundo as estimacións do Goberno haberá un aforro duns 14.000 euros anuais, ao haber unha reducción do consumo dun 85%.