Os novos quioscos da Ferraría

74

O concelleiro de Patrimonio Histórico e responsábel do centro histórico, Luís Bará, presentou esta mañá os bocetos dos novos quioscos que o Concello pretende instalar no centro histórico, elaborados polo despacho de arquitectos da cidade Santos e Mera. Luís Bará explicou que a instalación destes equipamentos da cidade está dentro do programa +Boavila que pretende combatir os problemas estéticos e o feismo na cidade. 

Segundo comentou, os quioscos non terían porque estar os dous, necesariamente, na praza da Ferraría. Pero si indicou que o máximo de quioscos que se plantexan no centro histórico son dous. A súa instalación, que rondaría os 30.000 euros cada un, serían sufragados cos fondos do ARI solicitado para o centro histórico de Pontevedra.

O arquitecto José Santos explicou que os deseños son do ano 2010 e pretende substituir aos actuais que non parecen os máis idóneos para o entorno. Ao estar situados en lugares tan sensibles como as prazas da zona monumental, deben ser elementos que non compitan con outros elementos das prazas nin ser extridentes, pero si converterse en referentes urbanos.

Son cilíndricos cunha pel metálica exterior que se retiraría para abrir o quiosco e sacar o mostrador cara afora. Cando se pechase, de noite, podería ter unha iluminación exterior que, incluso, podería ter as cores do Camiño si se atopa no seu trazado.