As Escolas Deportivas Municipais ofertarán 1.830 prazas durante esta temporada

96

As Escolas Deportivas Municipais botan a andar coa apertura do prazo de inscrición a partir do próximo luns, día 15. As persoas interesadas deberán presentar as súas solicitudes no Pavillón Municipal dos Deportes en horario de mañá e tarde. As solicitudes atenderanse por orde de presentación ata o peche das distintas especialidades.

O concelleiro Agustín Fernández subliña que se mantén o esforzo dos anos anteriores con mínimas variacións derivados da necesidade de axustar á oferta e a demanda. Así, durante esta temporada 2014-2015, funcionarán un total de 31 escolas (tendo en conta todos os horarios e especialidades) para acoller un máximo de 1.830 rapaces e rapazas.

As Escolas Deportivas Municipais están dirixidas a nenos/as de entre 4 e 14 anos (nacidos entre os anos 2000 e 2010).

O custo público da matrícula é de 45 euros, algo que se consegue grazas á subvención de 50 euros por praza que outorga a Concellería de Deportes, que, ademais, cede as instalacións municipais para o desenvolvemento das escolas. O custo total é, por tanto de 95 euros por praza, aínda que sería mesmo máis se se computaran os prezos por utilización de instalacións.

O concelleiro de Deportes subliña que o importante tecido deportivo de Pontevedra posibilita que se oferten escolas en case unha vintena de especialidades, a cargo de 27 clubs. Entre entre as especialidades figuran o atletismo, baloncesto, voleibol, judo, balonmán, marcha atlética, triatlón, fútbol, loitas olímpicas, ximnasia, ximnasia rítmica, trampolín, educación física de base, fútbol sala, fútbol 8, rugby, tenis, tenis de mesa e xadrez.

Fernández explicou que ao haber un camiño andado as novidades refírense a axustes como a duplicación das prazas ofertadas na modalidade de triatlón (de 15 a 30) ou a ampliación das xornadas de tenis (antes eran sábados e domingos e agora inclúense tamén os luns). Por outra banda, a Escola de Marcha Atlética que comezou mediada a temporada pasada arranca este ano dende o principio. Cédense tamén máis horas de instalacións ao club balonmán Cisne para compensalo pola perda da instalación do pavillón do Centro Galego de Tecnificación Deportiva. Finalmente, a Sociedade Cultural Deportiva Salcedo diversifica a súa oferta formativa incluíndo escolas de Fútbol Sala e Fútbol 8.

Por outra banda, o responsable municipal recalcou que a Concellería de Deportes complementa esta ampla programación de Escolas Deportivas cos cursos de iniciación e perfeccionamento de natación que se imparten na piscina municipal de Campolongo, unha actividade que moita xente non sabe que está organizada directamente polo Concello.

Agustín Fernández subliña que o que máis interesa con este programa é apuntalar o deporte de base, axudando á formación dos deportistas que, no futuro, pasarán a integrar os equipos do amplo elenco de clubs existente na cidade. Ao tempo, preténdese que os rapaces que se inician dispoñan dunha oferta suficientemente ampla para poder elixir e canalizar as súas aspiracións.