Medio centenar de mozos inician esta semana os cursos de formación de Pisando forte

76

Esta semana puxéronse en marcha novos cursos do programa de formación para o emprego xuvenil "Pisando forte", organizado dende a Concellaría de Xuventude, que xestiona Demetrio Gómez, e que vai destinado preferentemente, a mozos e mozas de Pontevedra, en situación de desemprego e de idades comprendidas entre os 16 e os 35 anos.
Este luns día 15 comezaron os cursos de "Tenda on line (Prestashop)" e o "Obradoiro de coaching", no primeiro están a participar 15 mozas e 4 mozos, superándose as 18 prazas ofertadas inicialmente. No segundo, participan 2 mozos e 13 mozas.
O curso de "Tenda on line" pretende amosar unha ferramenta de software libre como é o Prestashop para saber construír un espazo web para vender e realizar tarefas de comercio electrónico. A xente que o está cursando pretende levar a cabo unha tenda on line e vender os seus propios produtos (artísticos, servizos…) e buscar así unha saída laboral que non require de grandes investimentos e infraestrutura, máis alá da plataforma virtual dende onde desenvolvela. Este curso celébrase ao longo de 15 horas na Casa Azul os días 15, 17, 19, 22 e 24 de setembro en horario de 17 a 20h.
No obradoiro de coaching, as persoas participantes traballan para coñecerse mellor e acadar así as súas metas profesionais e persoais. Trátase dun obradoiro de sesións grupais para logo pasar ao traballo individual cunha coach que analizará as potencialidades, recursos e necesidades de cada persoa, así como as áreas de mellora persoais de cara sempre á inserción sociolaboral. Este obradoiro desenvólvese na Casa Azul os luns 15 e 29 de setembro, 13 e 27 de outubro, en horario de 16 a 20h.
O martes día 16 dará comezo outro novo curso de 30 horas "Iniciación á lingua de signos", no que participarán outras 13 mozas e 2 mozos, e que resultou ser o curso que provocou por segundo ano consecutivo, maior listaxe de agarda, debido á grande demanda existente na xente nova pola formación neste eido tan aplicable a todos os contextos laborais e nas relacións interpersoais. Terá lugar no Pazo da Cultura, de martes a venres e ata o 1 de outubro.
Todos estes cursos de Pisando Forte son gratuítos e se veñen desenvolvendo ao longo de todo este ano dende marzo ata novembro. Aínda se mantén o periodo aberto para a preinscrición on line dalgúns curso, a través da web www.xuventude.pontevedra.eu
O alumnado que supera os cursos do programa Pisando Forte, recibe un certificado municipal acreditativo da formación recibida.
Lembramos que a formación ofertada polo Pisando Forte está dirixida a mozos e mozas de 16 a 35 anos, en situación de desemprego e do municipio de Pontevedra. Trátase dunha formación gratuíta, totalmente subvencionada pola Concellaría de Xuventude e que ten por obxectivo mellorar o acceso ao mercado laboral da poboación nova, a través unha oferta formativa orientada á mellora das competencias persoais e profesionais.