“Tonto el que lo lea”. Javier Veiga

80

Gala benéfica a cargo de Javier Veiga, organizada polo Centro Público Alzheimer de Pontevedra.

Efectivamente sería parvo ler este espectáculo cando existe a posibilidade de escoitalo ou mesmo o ver e en certas ocasións se permite ata o tocar.

“Tonto el que lo lea” é unha comedia que non se pode ler, basicamente porque non está escrita. É unha recompilación oral de monólogos e improvisacións cómicas, coas que Javier Veiga reflexiona, a través de experiencias vividas ou imaxinadas, sobre algúns dos temas que máis preocupan ao ser humano en xeral e ao seu propio embigo en particular: "A importancia da alopecia no plistoceno", "a proliferación de mulleres barbudas en Lusitania", "a xirafa e o pene segundo a teoría da evolución de Darwin", Francisco de Goya e a rima consonante etc.

Un espectáculo de humor parvo contado por un parvo ao que a frasecita "humor intelixente" lle parece un invento estúpido dos intelectuais da risa. O día que o humor sexa intelixente, os pallasos serán listos e as gargalladas serán cultas. A comedia é para os parvos, a risa é cousa de parvos; claro que sempre podes quedar serio e deixarche de parvadas, para ser, moi intelixentemente, o típico listo parvo do cu.

Prezo: dende 10 €.  Entradas á venda no teléfono 902 504 500 e en www.servinova.com