O Ateneo de Pontevedra e o Concello homenaxearán anualmente a unha figura do urbanismo ou as artes

76

O Ateneo de Pontevedra e o Concello colaborarán para homenaxear, con periodicidade anual ou bianual, a unha figura clave da arquitectura, o urbanismo ou as belas artes, que teña contribuído decisivamente ao prestixio ou ao desenvolvemento da cidade de Pontevedra.

A Tenencia de Alcaldía e Concellería de Urbanismo, que dirixe Antón Louro, aceptou esta iniciativa do Ateneo de Pontevedra coa que se pretende contribuír tamén ao propio coñecemento da cidade a través das persoas que traballan ou traballaron pola súa significación.

O acto levará como nome xenérico “Memorial Sesmero”, seguindo así a estela dos actos do Centenario do “arquitecto que modernizou Pontevedra” e que a propia Tenencia de Alcaldía organizou o ano pasado. A idea, explica Antón Louro, é dar continuidade ao legado de Alejandro Rodríguez-Sesmero nas persoas (tanto vivas como falecidas) que despois del teñen contribuído tamén a prol dunha Pontevedra mellor. Un proxecto conxunto do Ateneo e o Concello que busca tamén evitar a indiferenza ou o esquecemento para aqueles que, como Sesmero, merecen o coñecemento e recoñecemento público.

O Memorial será sempre no mes de outubro e comezará durante este mesmo ano. O Ateneo e o Concello están a traballar na designación da primeira persoa galardoada, que se anunciará probablemente durante a próxima semana.

Non se trata, matiza Louro, da entrega de ningún premio físico, senón da organización dun programa que incluirá conferencias, exposicións e visitas sobre a obra dunha persoa relevante e que teña actuado tanto en Pontevedra como no exterior e se teña configurado como un referente nos eidos do urbanismo, a arquitectura e o paisaxismo, incluíndo tamén todo o espectro das belas artes.