A antropoloxía, protagonista da segunda xornada sobre o Castro das Croas

47

As xornadas divulgativas sobre o Castro das Croas teñen hoxe como protagonista o patrimonio inmaterial asociado ao Monte das Croas. Os antropólogos Buenaventura Aparicio e Rafael Quintía falarán sobre as lendas e os usos sociais que este espazo tivo ao longo do tempo. Aparicio falará sobre ‘A Moura do Monte das Croas. Ideoloxías e lendas’, e Quintía afondará sobre ‘O monte das Croas, un monte vivo. Discurso popular e usos sociais arredor do patrimonio’.
Como era a vida nos castros?
Na xornada de mañá xoves, participarán dous expertos da Universidade de Santiago que achegarán ao público o xeito de vida das persoas do mundo castrexo. Estevo Amado, licenciado en Historia e Máster en Arqueoloxía pola Universidade de Santiago de Compostela (USC), falará sobre ‘Alimentación e consumo na Idade do Ferro: O castro das Croas e os seus coetáneos’. Fará un repaso ao estado actual dos coñecementos sobre a vida cotiá nos castros centrándose na alimentación e o consumo na Idade do Ferro, e prestando especial atención ao castro das Croas e aos xacementos máis próximos coa mesma cronoloxía.
Que comían os habitantes dos castros? Como conservaban os alimentos? Como procesaban as materias primas? A arqueoloxía trata de responder estas cuestións colaborando con outras disciplinas como a arqueobotánica, a arqueozooloxía ou a química orgánica. Os restos orgánicos e os artefactos recuperados nas intervencións arqueolóxicas e as posteriores análises efectuadas sobre eles poden axudarnos a revelar algunhas destas incógnitas.
Pola súa banda, María Martín Seijo é licenciada en Historia e doutora en Arqueoloxía e Historia da Antigüidade pola USC. Na conferencia sobre ‘A vida cotiá na Idade do Ferro a partir do estudo dos combustibles e das manufacturas en madeira’, fará un resumo da aproximación dende a arqueobotánica ao estudo da vida cotiá durante a Idade do Ferro. A partir do estudo dos carbóns recuperados en contextos arqueolóxicos, en concreto en xacementos castrexos, identifican cales eran os recursos leñosos utilizados por estas comunidades como combustibles ou para a elaboración de manufacturas.
Este estudo permite non só saber cales eran as árbores e arbustos que utilizaban para queimar no interior dos fogares, ou en actividades como a metalurxia ou a cocción de cerámica, senón tamén, en contextos de incendio, podemos saber como eran as estruturas de madeira das construcións ou os obxectos da vida cotiá realizados en madeira. As mostras recuperadas no Castro das Croas permitirán completar a imaxe que temos ata o de agora da xestión dos recursos forestais durante a Idade do Ferro.