Comezan as xornadas divulgativas sobre o Castro das Croas

51

O local social de Cabanas, en Salcedo, acolle a partir de mañá martes as xornadas divulgativas sobre o Castro das Croas. Serán tres días de mesas redondas e conferencias nas que expertos en arqueoloxía nos achegarán ao mundo castrexo, dando un salto no tempo de máis de 2.500 anos.

A partir das 18.30 horas de mañá terá lugar unha mesa redonda na que participarán dous arqueólogos que coñecen de primeira man o xacemento do Castro das Croas. Antonio de la Peña é arqueólogo e conservador do Museo de Pontevedra e foi o director da escavación que tivo lugar no Monte das Croas no ano 1993. Pola súa banda, Eduardo Méndez é arqueólogo do Instituto de Estudos Miñoranos e foi director da escavación que tivo lugar no Castro das Croas este verán.

O mércores, ás 19.00 horas, celebrarase unha mesa redonda sobre ‘Antropoloxía e usos do Monte das Croas’ na que participarán os antropólogos Buenaventura Aparicio e Rafael Quintía. O xoves, tamén ás 19.00 horas, haberá dúas conferencias. Estevo Amado Rodríguez, licenciado en Historia e Máster en Arqueoloxía (USC) falará sobre ‘Alimentación e consumo na Idade do Ferro. O castro das Croas e os seus coetáneos’. Ao remate, María Martín Seijo, doutora en Arqueoloxía e Historia da Antigüidade pola USC, explicará como era ‘A vida cotiá na Idade do Ferro a partir do estudo dos combustibles leñosos e as manufacturas en madeira’.

A asistencia ás xornadas é libre e gratuíta e non é preciso inscrición previa.