Comezan os arranxos na avenida de Marín

80

A vindeira semana (ao máis tardar o día 6 de outubro) comezarán os traballos de reparación da avenida de Marín. Segundo informou esta mañá o concelleiro de obras urbanas, Luís Bará estas obras teñen un orzamento de 126.000 euros (fianzada incautada á empresa Hidroscivil que non chegou a facer as reparacións da actuación porque entrou en concurso). 

Faranse reparacións, principalmente, nos pasos de peóns, nos pavimentos, mediana e tamén nos carril-bici e no paseo peonil. Estas obras implicarán cambios de tráfico con carácter inmediato: pecharase o carril de saída da cidade, e invertirase de sentido un dos dous carrís de entrada á cidade. 

Segundo explicou Luís Bará as obras teñen un prazo de execución de tres meses aínda que o avance dos traballos dependerán do tempo. O que si ten claro o goberno é que a prioridade é que a obra se faga ben, se remate ben e non se precipite a apertura por motivos de presión do tráfico. Polo carril de saída da cidade transitan 6.000 vehículos diarios, e polos de entrada acceden á cidade uns 9.000 ao día, cantidades suficientemente asumibles ao igual que cando se fixo a obra, momento no que xa se pechou o carril de saída. Tamén está previsto prohibir a circulación de vehículos pesados pola avenida de Marín, que deberán transitar ben pola estrada vella ou por outras vías.