Master Class de Zumba para todos os públicos este domingo na avenida de Montero Ríos

66

A Zumba, unha modalidade a medio camiño entre o baile o deporte, será protagonista este domingo na avenida de Montero Ríos. Un grupo de tres irmáns brasileiros, Bruno, Gabriela e Angélica Hermida, impulsan unha Master Class, aberta a todos os públicos, co dobre obxectivo de promocionar esta actividade e achegar alimentos non perecedeiros á Cruz Vermella.

Para participar tan só é necesario presentarse con roupa deportiva e unha toalla para secar o suor. Haberá tamén que achegar un paquete ou un Kg dalgún produto alimenticio. O horario abrangue dende as 19.00 horas ás 21.00 horas.

O evento foi presentado hoxe polo concelleiro de Deportes, Agustín Fernández, e “os irmáns H”, tal e como se denominan os promotores desta iniciativa. Sen embargo, os que se acheguen o próximo domingo terán a oportunidade de gozar das indicacións de 11 monitores, procedentes de toda Galicia, e de pasar un rato máis que agradable.

O concelleiro subliñou que o principal obxectivo desta iniciativa é ofrecer unha opción divertida para pasar a tarde do domingo e engadiu que a Zumba pode ser unha alternativa de actividade física para moita xente.

Bruno Hermida subliñou que será unha Master Class na que terán cabida nenos, adultos e persoas maiores. Agárdase a presenza dun mínimo de entre 200 e 300 persoas, dado que entre os tres irmáns xa superan os 750 alumnos repartidos por diversos lugares da provincia.

A Zumba, unha especialidade na que se combinan diversos estilos de bailes latinos, pero tamén ritmos hip hop, é hoxe unha disciplina universal despois do seu nacemento en Colombia no ano 2001.