Os pases para a zona de asentos das pasarelas de PONMO poden retirarse mañá venres na Casa da Luz

37

A Concellería de Promoción Económica pon a disposición das persoas interesadas os pases para acceder á zona con asentos das pasarelas Mara Martín PONMONOVO (dedicada aos deseñadores novos en formato de concurso) e a pasarela central PONMO, que se celebrarán os días 26 e 27, respectivamente, ás 21.00 horas, nas instalacións do Liceo Casino (rúa de Manuel Quiroga) e na Praza da Peregrina.

Hai un total de 350 pases dispoñibles (100 para PONMONOVO e 250 para PONMO), totalmente gratuítos, destinados ao público que estea interesado en reservar unha cadeira nesta área próxima onde pode presenciarse o desfile con maior comodidade. A concelleira Carlota Román destaca que o número de invitacións a autoridades nesta edición de Pontevedra Moda é moi limitado, pero a organización está obrigada a cubrir os compromisos cos invitados dos deseñadores e empresas participantes, así como cos medios de comunicación.

A concelleira destaca que se ben o acceso ao Liceo Casino está limitado polo aforo, isto non sucederá xa no desfile central PONMO do próximo sábado, na Peregrina. É un acto aberto á cidadanía e pode ser presenciado sen máis limitación que o espazo físico desta céntrica praza pontevedresa. Cúmprese así o compromiso adquirido o ano pasado de abrir PONMO á cidade. Unicamente en caso de choiva trasladaríase o acto ao Liceo Casino.

As persoas interesadas en asistir aos dous desfiles e reservar un asento poden retirar os pases na Casa da Luz durante a xornada de mañá venres, en horario de 9.30 horas a 13.30 horas e de 16.30 horas a 19.00 horas. Entregaranse un máximo de dous por persoa.


 

PROGRAMA PARA MAÑÁ VENRES

O certame Mara Martín PONMONOVO chega mañá, venres, ás 21.00 horas no Liceo Casino (rúa de Manuel Quiroga). Poderán verse as propostas das novas caras do mundo do deseño téxtil. Participan 10 deseñadores galegos e nacionais seleccionados entre as 80 propostas chegadas á organización. Trátase de Sara Vigo Rodiño con Essence of Escher, Érase que se era con REM, Carlos Pinilla con Perdida en el Tiempo, Pedro Covelo con The Kinds of Beauty, Tania López con Humble, Laura Basadre con La femme de Poisson, María González Cid con Alice Be Wonderful, Gloria Ledo con Princeses, Miguel Olarte con Manyatta y Alejandra Lorenzo con Durban-Turbante.

O pontevedrés Javier Barrio será a firma invitada para pechar esta segunda edición do certame. Desfilará coa colección “Elite Edition”, unha proposta de prendas de festa e celebración para unha muller feminina e amante dos detalles. A cantautora Fátima Baña, actuará durante o desfile vestida pola gañadora da anterior edición, Mónica Guillán.

O xurado desta edición estará presidido polo deseñador guipuzcoano Ion Fiz, padriño de PONMO 2014, e contará entre os seus membros con Carlota Román, concelleira de  Promoción Económica, Emprego e Turismo; María Garrido, directora de marketing das adegas Martín Códax; os deseñadores ALALÁ e Sonia Giordani; as gañadoras do certame do ano pasado, Mónica Guillán e María Viqueira e, finalmente, Jesús Ari, editor da revista Be.WOOP Mag.

Os gañadores obterán os premios á mellor colección, dotado con 900 euros e ao mellor estilismo, dotado con 200 euros.

Como novidade nesta edición, PONMONOVO será una plataforma para modelos noveis con PONMO Revela: por un lado poderán converterse na imaxe da nova colección de ALALÁ Alta Costura e, por outro, será a nova cara PONMO para Be.WOOP Mag, media partner do evento, que lles dará a posibilidade de aparecer nun editorial de moda no segundo número, acompañado da mellor colección de PONMONOVO. Por outra banda, a organización de PONMO escollerá a cara masculina e feminina de PONMO Revela, que serán a imaxe de PONMO 2015.

Tamén mañá venres inaugúrase no antigo edificio Olmedo (praza de Curros Enríquez) a Fly Store, un “showroom” de creadores emerxentes no que participan los siguientes expositores:

A Fly Store ofrecerá tamén actividades, obradoiros e conferencias. A entrada é gratuíta en horario de 11.00 a 20.00 horas.

O programa completo de PONMO pode descargarse no seguinte enlace:

https://ponmo.com/2014/documentos/FLYER%20ACTIVIDADES%20GENERAL.pdf